ACADEMIA OCTAVIO “A” 28 – GRUPO LEMACO XIRIA 27

COPA FEDERACIÓN XORNADA 3

29/09/2012

Academia Octavio “A”: 28 (17+11): Óscar, Rubén (4), Yoel (3), Adrián (5), Dani (5), Mikel (5), Iago (6) -equipo inicial- Borja, Víctor, Andrés.

Grupo Lemaco Xiria: 27 (11+16): Manuel, Iván Campos (2), José (3), Enrique (11), Dani (1), Pablo (1), Lolo (5) -equipo inicial- Iván Calvo (1), Gabriel (1), José Eiroa, Borja, Diego (2), Álex Figueroa.

Colexiados: Pedro Eiras e Uxía Méndez.

Nun marco incomparable como é a pista central do pavillón das Travesas (Vigo) disputouse o encontro da terceira xornada do grupo “B” da Copa Federación entre dous equipos, o Academia Octavio “A” e o Grupo Lemaco Xiria con posibilidades de clasificación para semifinais.

Foi un partido de poder a poder, cunha parte de claro dominio para cada equipo e un final vibrante e incerto para o espectador.

Na primeira metade, o equipo local mostrouse moi superior ao seu rival e soubo levar o ritmo do partido en todo momento. A retagarda carballesa non era quen de frear a maior corpulencia e estatura no 1×1, así como os potentes lanzamentos exteriores dos olívicos. Manuel, na portería, repelía as acometidas dos de Vigo, pero necesitaba algo máis por parte da súa defensa que chegaría coa reanudación. Parecía que o avultado do marcador no descanso (17-11) ía presentar un panorama moi favorable para os do Octavio, pero nada máis lonxe da realidade.

Na segunda parte as tornas cambiaron totalmente e os de Xiria empezaban a funcionar, non só na portería senón tamén na defensa. A medida que avanzaba o tempo, as distancias ían acurtandose e o equipo bergantiñán subía máis e máis a súa intensidade, avivado polos ánimos que se apoderaran de todo o equipo. Nos últimos dez minutos os visitantes superaban con moito aos de Vigo, pero un gol de estes últimos conquerido nos instantes finais, daba a vitoria in extremis a un combativo Octavio por tan só un gol (28-27). Con este resultado ningún dos dous equipos consiguen clasificarse para semifinais.

Estes dous equipos vólvense a ver as caras no pavillón Vila de Noia de Carballo o vindeiro domingo, ás 10.30 h, nun envite moi importante, a primeira xornada do campionato de liga de División de Honra en categoría Cadete.