ACADEMIA OCTAVIO A 32 – GRUPO LEMACO XIRIA 30

XORNADA 12

19/01/2013

Academia Octavio A: 32 (14+18): Pereira, Núñez (5), Cabaleiro (6), Figueirido (9), Cerqueira (3), Fernández (1), Alonso -equipo inicial- Castiñeira, Beiro (2), Costa, Casais (6), A. Costas.

Grupo Lemaco Xiria: 30 (14+16): Buño, Dani (3), Calvo (5), Enrique (5), Iván (7), Diego, Lolo (8) -equipo inicial- Jorge, Gabriel, Pereira (1), Andrés (1).

Colexiadas: Silvia Vázquez e Sara Pacheco

Primeiro partido da segunda volta do campionato e derrota do Grupo Lemaco Xiria fronte ao potente Octavio Vigués. Este resultado afasta ao equipo carballés dos primeiros tres postos da clasificación e déixao sen marxe de erro, pero aínda con esperanzas de alcanzar algún dos dous primeiros postos, xa que a diferenza de puntos é de cinco con respecto os tres equipos que comandan a clasificación.

Comezou moi ben o equipo de Carballo e nos primeiros minutos o técnico local xa tiña que pedir un tempo morto (1-5) para frear o ritmo imposto polos visitantes. Despois deste minuto de instrucións o Xiria seguía a comandar o encontro e xa no paso polo minuto dez a diferenza era de tres goles a prol dos de Carballo (3-6). Foi nos últimos dez minutos onde os bergantiñáns xogaron incomprensiblemente con un ritmo demasiado acelerado, feito que os levou a ter varias perdas de balón, que propiciaban sinxelos contraataques aos olívicos e igualaban o encontro practicamente cando as colexiadas daban o pitido final que marcaba o tempo de lecer.

A reanudación tornouse moito máis igualada, ata que, de novo, unha lagoa de dez minutos, onde os carballeses perderon moitos balóns e cometeron erros non forzados, daban as s un Octavio que parecía escaparse no marcador cun parcial de 2-6. Os últimos dez minutos foron dos de Xiria, que a piques estiveron de igualar a contenda no último arreón, pero a reacción chegaba tarde e non había tempo para máis. O marcador final deixaba os dous puntos en Vigo. Unha mágoa se temos en conta como se desenvolveu o encontro ao longo dos sesenta minutos, moi semellante aos partidos contra Bueu e Lalín. Podíamos estar a falar perfectamente de un Grupo Lemaco líder da categoría, pero as lagoas e os erros non forzados en momentos dos tres envites fan que os de Xiria teñan que facer a gran machada e sacar todos os puntos en xogo nesta segunda volta.

A vindeira fin de semana será a primeira final para o Grupo Lemaco Xiria que recibirá ao potente Teucro de Pontevedra, un dos rivais que está por enriba dos bergantiñáns.