ACADEMIA OCTAVIO ÓPTICA VARELA 17 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 28

XORNADA 12

19/01/2013

Academia Octavio Óptica Varela: 17 (8+9): Ramírez, Gregorio (7), Cabaleiro (2), Figueirido (2), Conde (1), Antón (1), Rojas (2) -equipo inicial- Hermida, López, Veiga, Arduso, Del Río (2), Víctor .

Ifecgás Pereira Xiria: 28 (15+13): Zúpez, Anes (4), Martín (4), Javi (5), Calvete (2), Rubén, Jorge (8) -equipo inicial- Iván (1), Álex, Julián (2), José, Edu (2), Alberto, Fidi.

Colexiadas: Silvia Vázquez e Sara Pacheco

Primeiro partido da segunda volta do campionato e vitoria importantísima do Ifecgás Pereira Xiria fronte ao Octavio. Este resultado mantén aos de Carballo como líderes en solitario amosando unha importante solvencia polo contundente do mesmo, acadado fronte a un dos equipos máis potentes do campionato, de feito o conxunto olívico era o único que fora quen de derrotar aos de Xiria esta tempada e ademais fixerao en dúas ocasións, a primeira na copa e a segunda na primeira xornada de liga.

Comezou moi mal o equipo de Carballo e nos primeiros minutos os locais poñían un preocupante 5-1 ao seu favor, grazas en parte aos erros dos visitantes e aos propios acertos no xogo co pivote. Non tardaron os bergantiñáns en reaccionar. Sabían que a liga se lles escapaba e, apoiados nunha alta intensidade de xogo defensivo, achegábanse pouco a pouco no marcador. Os dez primeiros minutos foron claramente dos locais (6-3), pero a partir de aí os de Ifecgás Pereira rompían o envite con dous parciais demoledores de 1-5 e 1-7 que deixaba moi costa arriba a vitoria para os de Vigo na retirada aos vestiarios (8-15).

A reanudación tornouse tranquila para os da Costa da Morte, moito máis do esperado, o equipo visitante soubo levar o ritmo do encontro e xogar coa súa vantaxe para non dar ningunha posibilidade de remontada aos olívicos. O parcial dos primeiros dez minutos deste segundo acto poñía unha diferenza de dez tantos a prol do Xiria (10-20). Neste intre o encontro entrou nun letargo importante e baixou a intensidade mostrada polos dous equipos, sabedores xa de quen ía saír gañador e cal ía ser o derrotado.

A vindeira fin de semana teremos outra nova final para o Ifecgas Pereira Xiria que recibirá ao Teucro de Pontevedra, outro dos equipos que está na loita polo título final do campionato.