SEIS DO NADAL COIA 24 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 29

XORNADA 11

13/01/2013

Seis do Nadal Coia: 24 (14+10): Santiago, Miguel (6), Martín (1), Xoel (5), Diego, Jorge (6), Angel (4) -equipo inicial- Óscar, Adrián (2), Diego, Alfredo, Pablo, Silva.

Ifecgás Pereira Xiria: 29 (17+12): Fidi, Calvete (1), Martín (6), Javi (3), Alberto (2), Rubén Anes (4), Rubén Gómez (1) -equipo inicial- José (3), Julián (2), Edu (2), Iván (2), Álex (2), Bouzas (1), Zúpez.

Colexiados: Adrián Suárez e Víctor Rivera

Partido correspondente á derradeira xornada da primeira volta na liga de División de Honra Xuvenil coa que se reanudaba o campionato despois do parón do Nadal.

O encontro enfrontaba ao primeiro clasificado da táboa (Ifecgás Pereira Xiria con 19 ptos) contra o penúltimo (Seis Do Nadal Coia con 3 ptos) e polo tanto prevíase un envite plácido para os de Carballo, pero a realidade foi ben distinta e os locais, aínda que nunca dominaron no marcador, si o fixeron coas súas armas e intensidade no xogo.

Dende os primeiros compases, podíase comprobar que non ía a ser o día do Xiria. As sensacións que transmitía o equipo non eran boas. Estaban demasiado estáticos, quizá contaxiados polo ritmo cansino dos ataques longos dos olívicos, pero tamén faltaba velocidade no contragolpe e mobilidade no ataque posicional. Esta lentitude favorecía aos locais pero non aos bergantiñáns, acostumados a poñer un ritmo e unha intensidade certamente altos no 40×20. No meridiano da primeira parte, un cambio do equipo de Xiria case o completo facía o seu efecto e mostraba unha pequena reacción que despegaba ao equipo ata os cinco goles de diferenza. A partir de aí todo volvía ser como antes e o Sedona retirábase no tempo de descanso a tan só tres goles (14-17) dos de Carballo.

A reanudación foi máis do mesmo. O Ifecgás Pereira non era quen de reaccionar, non funcionaba a retagarda, falta de intensidade no día de hoxe e demasiado individualizada e os de Vigo facían dano unha e outra vez coa conexión da primeira liña cos pivotes. No ataque posicional os xogadores permanecían demasiado estáticos e polo tanto non existía o xogo rápido e combinativo que soe amosar o equipo carballés. Isto facía que os locais se atoparan moi cómodos no 6-0 da súa defensa, recibindo lanzamentos previsibles e pouco efectivos, que se estrelaban unha e outra vez contra o seu porteiro, que sen dúbida foi o mellor do encontro.

Non e que sufrira o Ifecgás Pereira, a pesar de que a falta de dez minutos os olívicos empataban o encontro, pero estaba claro que non se encontraban cómodos na pista no día de hoxe. Ao final do encontro ese 24-29 posibilita que os de Carballo terminen como líderes a primeira volta e afronten unha segunda ilusiónante e dura en busca de repetir título galego de forma consecutiva.

A vindeira fin de semana, os carballeses visitaran Vigo de novo, nun partido importantísimo cara a clasificación final. Os de Xiria terán que mellorar moito as súas prestacións para poder impoñerse ó Octavio, cuarto clasificado a catro puntos dos de Carballo e único equipo que ata o momento foi quen de derrotar aos bergantiñáns nesta tempada.