As baixas non puideron co Calvo Xiria

Sabías que…? Compite o Calvo Xiria na 1ª Estatal Masculina sendo o único equipo carballés que milita nunha liga organizada por unha federación española, o que o converte no club que representa ao deporte de Carballo na liga de máis alto nivel.

Tiña unha dura proba o Calvo Xiria esta fin de semana, pois se enfrontaba ao Bm. Lalín, líder da clasificación, un equipo que desenvolve un xogo moi eficaz, e que partía ca vantaxe de enfrontarse a un conxunto con moitos problemas na convocatoria. Ás baixas de Ramón, Jorge e Gonzalo uniuse o feito de que Sergio non foi quen de se recuperar do proceso gripal que sufriu durante a semana e só puido disputar uns poucos minutos no encontro. Si contou ca participación dos xuvenís Iván Calvo, que fixo un gran papel no avanzado ao longo dos sesenta minutos, e Carlos Vilanova, que tamén xogou os sesenta minutos no extremo dereito con moito tino no lanzamento. Significaba a volta a súa casa para Uxío que acadou unha ducia de goles no partido, sete deles dende a liña de sete metros.
O inicio non foi moi o agardado por parte dos carballeses, que eran incapaces de atopar o seu sitio no 40×20. Nin defensa nin ataque funcionaban e os goles caían a prol dos locais que se atopaban nunha situación de seguro desexada, cunha defensa rival inoperante e un ataque atascado o que permitía as perigosas contras dos do Deza. Semellaba que as baixas cas que comparecía eran unha lousa demasiado pesada para o Xiria. Deste xeito transcorrían os primeiros quince minutos cun claro dominador, o Bm. Lalín que chegou a ter cinco goles de diferenza ao seu favor. Mais a insistencia e a confianza no compañeiro do lado, independentemente do seu nome, fixo medrar ao Calvo, que con constancia e moito traballo agarrouse ao encontro, dándolle a volta ao marcador e chegando ao tempo de lecer un gol por enriba, que amosaba a melloría das súas prestacións.
O segundo acto tivo unha clara cor verde, que dominou o ritmo de xogo dende a súa defensa e portería, impedindo o xogo ca liña de seis metros dos locais e pechando moito os lanzamentos que unha e outra vez se atoparon con Iago. No ataque a mobilidade dos carballeses foi superior á dura defensa local que non puido evitar as chegadas continúas até os seis metros con posicións moi favorables para os lanzadores. Ao final dous puntos que supoñen unha proba superada para o Calvo Xiria.

Incidencias: Partido disputado no Lalín Arena ante 300 seareiros, entre os que se deixou sentir, e de que modo, un nutrido grupo de carballeses. Colexiados: Sergio Rodríguez Estévez e Andrés Rosendo López do colexio galego, sen complicacións. Castigaron con exclusión a Martín Iglesias (3´e 10´e 13´) Iván Campos (8´), Miguel Porto (18´), Bruno Fernández (22´), Daniel Ramos (33´) por parte local, namentres polo Calvo Xiria foron sancionados Iván Calvo (3´), Martín Alfeirán (13, 34´), Brais Puñal (22´) e Alberto Lema (41´).         7 metros: Embutidos Lalinense Bm. Lalín 2//4 Calvo Xiria 7//8. Marcador cada 5 minutos: 4-1, 7-4, 9-7, 11-11, 13-13, 14-15, descanso, 16-18, 17-21, 21-22-23-25, 26-30.

EMBUTIDOS LALINENSE BM. LALÍN 26 (14+12): Carlos Durán [p], Iago González [p], Xosé Hermida (3), Gustavo Lázara (6), Adrián Crespo, Martín Losón, Martín Iglesias (2), Bruno Fernández (1), Daniel Ramos (7), Antonio Blanco, Alexandre Dacosta (4), Miguel Porto (3), Iván Campos, Roberto Granja, Adrián Losón.

CALVO XIRIA 30 (15+15): Martín Gómez [p], Iago Gómez [p], Carlos A. Lema (1), Carlos Vilanova (4), Martín Alfeirán (1), Brais Puñal (3), Manuel Méndez (2), Pablo Iglesias (7), Sergio Facal, Julián López, Mario García, Uxío Batán (12), Iván Calvo.