Balonmán de alto nivel durante esta ponte festiva
Desprázase este sábado a Lalín o Calvo Xiria cun panorama moi complicado derivado da calidade do rival e da aciaga semana que viviron os carballeses empezando ca lesión de Jorge…

Desprázase este sábado a Lalín o Calvo Xiria cun panorama moi complicado derivado da calidade do rival e da aciaga semana que viviron os carballeses empezando ca lesión de Jorge e Brais, seguindo ca grave mancadura de Gonzalo nun brazo o martes e os procesos gripais de Cuco e Sergio ao que se engade a baixa de Ramón por motivos persoais. En total so 10 xogadores en idade sénior, contando con tres porteiros, son os que puideron adestrar o que fará que o técnico local teña que facer cambios importantes nos seus esquemas. Dende logo terán que tirar de orgullo os xogadores do Xiria para levarse a vitoria ante o líder da categoría que está obrigado a gañar xa que xoga na súa casa con todo ao seu favor. O partido comezará ás 18:30 no Lalín Arena e estará dirixido polos colexiados Andrés Rosendo e Sergio Rodríguez.
E tamén o sábado, mais no Vila de Noia, volve a competición para o Goldie que recibe ao Balonmán Taboada a partires das 20:00. Espérase o debut das novas incorporacións, Elena Segade, Ainoa Míguez e Laura Carracedo, procedentes do Balonmán Xallas xuvenil que aportarán frescura e xuventude ao equipo. Non estarán para este encontro Juana Garrochena e Patricia García por lesión, e Brenda Noya por traballo.
En canto ao rival, tras os resultados das primeiras xornadas ocupan o derradeiro posto, pagando o seu primeiro ano na competición cun equipo moi novo, polo que non debera de ter problemas o Goldie Xiria para sacar unha vitoria cómoda
O domingo Escolas Balonmán Xiria e Sar de Redondela mídense no Pavillón Vila de Noia nas categorías infantil, cadete e xuvenil da División de Honra Galega. Abrirán a xornada ás 10:00 os infantís do Garaysa Xiria nun partido no que espera conseguir a primeira vitoria na casa. Para iso, os carballeses necesitan manter a concentración e o ritmo de xogo ao longo dos 50 minutos ante un equipo regular e constante, que nunca se rende. En canto remate este primeiro encontro, sobre as 11:15 horas, comparecerá na cancha o Grupo Lemaco Xiria que tentará seguir a afianzarse no seu xogo para acadar dous novos puntos que dean moita confianza aos seus xogadores. E porá punto e final o Laber Xiria, que despois do empate do fin de semana pasado na difícil pista de Porriño, xogará ca idea de non ceder puntos na casa e sumar de dous en dous para seguir nos postos altos da táboa clasificatoria. Os «choqueiros», que teñen un moi bo plantel, a bo seguro que serán un duro rival e os carballeses terán que dar o cen por cen para conseguir a vitoria. Todos os rapaces do Laber Xiria están dispoñibles para este encontro que dará comenzó as 12:45.
