Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

ASESORÍA SUEIRO XIRIA 31 – ESCOLA MPAL DE CAMARIÑAS 25

Asesoría Sueiro Xiria (13+18) 31: Guillín, Juan (2), Díaz, Óscar (4), Ramón (6), Manuel (12) e Javier (2) – equipo inicial – Iago (p.s.), Puente, Eloy (5) e Miguel (p.s.).…

Asesoría Sueiro Xiria (13+18) 31: Guillín, Juan (2), Díaz, Óscar (4), Ramón (6), Manuel (12) e Javier (2) – equipo inicial – Iago (p.s.), Puente, Eloy (5) e Miguel (p.s.).

Escola Mpal. de Camariñas (15+10) 25: Álex, ‘Perón’ (6), Xabi (8), J. Carlos, Héctor (4), Alberto Mas (3) e Jesús (2) – equipo inicial – Diego (2), Diango, Brión e Adrián.
Árbitro: Vicente Pérez. Regular.
Incidencias: Encontro correspondente á 2ª Xornada do Campionato Territorial Norte Xuvenil Masculino disputado no Pavillón da Zona Escolar en Carballo ás 11:00. Nas gradas uns 100 espectadores presenciaron o encontro.

Derbi trepidante o que se viu este sábado en Carballo entre Asesoría Sueiro Xiria e Escola Municipal de Camariñas, dous dos equipos máis fortes da liga. Ambos os dous conxuntos chegaban ao choque tras a clara vitoria da primeira xornada e afrontaban o primeiro compromiso importante da temporada. Os dous equipos acudían á cita con algunhas ausencias, a máis importante foi a do local Jesús que esta mesma semana sufriu unha lesión nos ligamentos do seu xeonllo que o manterá varios meses de baixa.

Excelente primeira parte do Camariñas que fixo un balonmán moi rápido e vistoso, cun xogo posicional moi resolutivo cunha boa conexión co pivote, todo isto apoiado nunha defensa que á súa boa actitude sumaba unha excelente colocación e anticipación que ante un estático Xiria provocou continuos roubos de balón que culminaron en rápidos contraataques. Pola súa banda os locais funcionaban a golpes en ataque e mostrábanse moi brandos en defensa. A pesar diso a renda do Camariñas só era de dous goles ao descanso debido en parte ao acerto dos porteiros locais.

Na segunda parte cambiou o panorama por completo, tras un inicio igualado, o Xiria comezou a ter un ataque máis fluído e acertado, cunha maior mobilidade e verticalidade dos xogadores. A defensa estivo máis sólida e axustada, e o Camariñas xa non era capaz de facer tanto dano, así o Xiria comezou a marcharse no marcador rompendo o partido definitivamente nos últimos dez minutos cun parcial de 5-1.

A pesar da victoria e da boa segunda parte o equipo carballés debe de mellorar de cara os futuros compromisos. A vindeira semana o Asesoría Sueiro Xiria desplazase a xogar co Bm. City Pub Viveiro en partido correspondente a 3ª xornada.