BALONMÁN ÁRTABRO 29 – PROCASA XIRIA 35

Bm Ártabro 29 (14+15): Manuel A., Alex, Jacobo (3), Álvaro, Carlos, Manuel G. (1), Daniel, Pablo G. (15), Rubén (2), Iago, Pablo V., Daniel C. (4), Jesús (4).

Procasa Xiria 35 (21+14): Martín, Chouciño (1), Joaquín (2), Luís García (5), Calvete (9), Damián (2), Mario, Jose A. (2), Rubén (5), Ricardo (9) e Luís Iglesias.

Colexiados: Alberto Pícallo.

Primeiro partido da 2ª Fase do campionato no que o Procasa Xiria visitaba a cancha do Bm. Ártabro coa intención de estrear o seu cadro de puntos.

Xa dende o comezo do encontro os de Carballo demostraron a súa superioridade e nos primeiros compases do partido foron quen de coller distancia no marcador, grazas a unha boa defensa e xogando con continuidade en ataque. O Ártabro xogaba cun referente ofensivo Pablo G., que aínda que acabou con 15 goles foi ben freado pola defensa do Xiria, na que cabe destacar a boa labor de Luís García como central.

O Procasa dominou o encontro durante os 60 minutos, tan só durante uns intres da segunda metade o Ártabro logrou meterse no partido, reduciu a súa desvantaxe a 3 goles e meteulle os nervios no corpo aos visitantes, pero estes non ían deixar escapar os dous puntos e apretando un pouco máis volveron a coller distancia no electrónico que reflectiu un 29 -35 ao final do partido. Debemos destacar a capacidade goleadora de Calvete, que encontro tras encontro amosa unha boa progresión, e de Ricardo, cunha alta efectividade no extremo dereito, con 9 tantos cada un.

En resumo, partido relativamente cómodo para o Xiria, que aínda que contaba coa baixa de Iván e con Joaquín e Mario sen adestrar durante toda a semana soubo levarse o encontro e os puntos para Carballo.

A seguinte xornada traerá a terras carballesas ao Teucro, rival que se clasificou para esta 2ª fase como segundo do seu grupo, por debaixo do Bm. Porriño.