BALONMÁN LALÍN 20 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 23

Balonmán Lalín 20 (11+9): Manuel, Martín (7), Iago, B. García (2), José (1), Rodrigo (5), B. Díaz -equipo inicial- Uxío (2), Rubén, Adrián, Óscar (2), Ramón, Antonio (1), Iván.

Ifecgás Pereira Xiria 23 (11+12): Bisbi, Brais (6), Iago (5), Antón (1), Jorge Viñas (2), Dani (5), Alvarito -equipo inicial- David (2), Martín, Cristian, Jomesito, Jorge Docampo, Miguel (2).

Colexiado:Lucas Crespo e Pablo Álvarez. Non influíuron no resultado final nun encontro sinxelo.

Derradeira xornada de liga na División de Honra Xuvenil. Os carballesés do Ifecgás Pereira Xiria visitaban a cancha de Lalín co obxectivo de levarse os dous puntos para así poder rematar o campionato na septima posición da taboa clasificatoria, arrebatándolle esa praza ao cador dezano. O partido, que se disputou nunha xélida mañá, deparou a mesma friaxe nos xogadores e no ritmo do encontro. Foron os visitantes os que levaron a dianteira no marcador ao principio do partido, onde os erros por parte de un e outro equipo eran a tónica xeral. Os carballeses pegaban primeiro e poñíanse cun 1-5 no electrónico, pero máis tarde eran os locais os que respostaban e deixaban o marcador no 11-11 do descanso.

A segunda metade foi do Ifecgás Pereira que, sen chegar a desenvolver un bo xogo, mantiña vantaxes curtas durante todo o este periodo e, sobre todo, dominaba o tempo do partido. Ao remate, un 20-23 permite aos de Carballo acadar, con 18 puntos, o séptimo posto na clasificación final, en detrimento do cadro lalínés cos mesmos puntos que o Xiria.

Rematou a liga pero non a competición posto que, tras o descanso que haberá a vindeira fin de semana , o día 10 de abril comezará a Copa Federación na que competirán os mesmos equipos que participaron na liga repartidos, nunha primeira fase en 3 grupos de 4 equipos. O Ifecgás Pereira Xiria quedou encadrado no complicado Grupo III xunto co Octavio, campión de liga, Novás, 6º na liga, e Cisne, subcampión. Precisamente este último será o primeiro rival dos carballeses nun partido que se disputará en Pontevedra.