BALONMANO PORRIÑO 30 – GRUPO LEMACO XIRIA 39

XORNADA 14

02/02/2013

Bm. Porriño: 30 (16+14): Borja, Samuel (7), David (3), Pereiro (2), Gabriel (1), Sergio (3), Dani (8) -equipo inicial- Pablo (2), Iván (4), Abdelhadi, Ambrosio, Miguel.

Grupo Lemaco Xiria: 39 (18+21): Buño, Iván (10), Diego (4), Enrique (11), Dani (2), Calvo (4), Lolo (4) -equipo inicial- Pablo (1), Gabriel, Borja, Pereira (2), Álex, Andrés (1), Jorge.

Colexiados: Pedro Eiras e Raquel Lloria.

Os cadetes de Escolas Balonmán Xiria viñan de conquerir unha meritoria vitoria contra o Teucro de Pontevedra que lles mantén na loita polos primeiros postos, pero de nada servirían aqueles dous puntos se hoxe non se refrendaba cunha nova vitoria na difícil cancha de Porriño.

O encontro arrancou con moita igualdade, tal e como era de prever, aínda que, dende os primeiros compases, os de Carballo amosaban a cabeza no electrónico. Os conxuntos cadetes das dúas entidades, xogaban con velocidade, intensidade e compromiso e isto fixo posible que o partido fose dinámico e divertido para o espectador. Os ataques sempre foron superiores ás retagardas e xa no descanso o marcador sinalaba uns guarismos con moitos goles (16-18).

Na reanudación, o Grupo Lemaco saíu cunha marcha máis e un primeiro parcial de 5-9 e outro posterior de 3-9 mataba definitivamente o partido no minuto vinte cun marcador xa inalcanzable para os de casa (24-36). De pouco serviu o parcial de 3-6 que favoreceu ao Porriño nos últimos dez minutos do encontro. Os dous puntos viaxaban para Carballo e manteñen aos de Xiria a cinco puntos da primeira praza e a tan só tres da segunda con moito aínda que dilucidar.

O próximo partido a disputar polo Grupo Lemaco Xiria será o vindeiro sábado ás 10:30h no Vila de Noia carballés, onde recibe ao Bm. Lavadores, equipo que ocupa a última praza da táboa con catro puntos, pero que certamente ten máis potencial do que a clasificación mostra.