Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

BM. BASE OVIEDO 19 – CALVO XIRIA 22

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 10 27/11/2010 BM. BASE OVIEDO 19 – CALVO XIRIA 22 Base Oviedo 19 (9+10): Emilio [p, 8 pdas]; Ramos (1), Chema (5), Veleda (2), Omid,…

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 10

27/11/2010 BM. BASE OVIEDO 19 – CALVO XIRIA 22
Base Oviedo 19 (9+10): Emilio [p, 8 pdas]; Ramos (1), Chema (5), Veleda (2), Omid, Alexis, Monjardín -equipo inicial- Nacho [p, 5 pdas/ 1 de 7 m], Argüelles, Trujillo, Silva (8), Goñi (3), Álex Rodríguez e Calvo.

Calvo Xiria 22 (12+10): Iago [p, 4 pdas/ 1 de 7m]; Cuco (1), Álex Zas (3), Manu, Ramón, Jesús, David (5) -equipo inicial- Kike [p, 11 pdas/ 1 de 7m], Pablo (9/ 3 de 7m), Ángel (3), Dubra (1), Christophe, Borja e Naya [p].

Colexiados: Aitor Cano Ramos e Laín Montes Grande (Federación Territorial de Castela e León). Excluíron aos locais Goñi (min 28 e 34), Veleda (min 32 e 50), Ramos (min 39 e 54) e Chema (min 59), e tamén aos visitantes Cuco (min 19 e 38), Ramón (min 29 e 39), Álex Zas (min 38 e 48) e Manu (min 53 e 58).

Marcador cada cinco minutos: 0-3, 1-4, 4-6, 7-8, 8-9, 9-12 (descanso); 12-14, 14-15, 15-16, 17-18, 17-20 e 19-22.

7 metros: Base Oviedo: 6 / 8 # # # Calvo Xiria: 3 / 4

Despois daquela inesquecible fase de ascenso disputada no ano 2008, o Calvo Xiria volveu asinar un novo éxito no célebre Polideportivo «José Emilio Fariza» de Oviedo, máis coñecido no ambiente balonmanístico como «Vallobín». En encontro pertencente á
décima xornada de Liga en PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL a escuadra carballesa conseguiu desfacerse, unha vez máis, do BM. Base Oviedo ao que derrotou por 19-22.
Despois desta nova vitoria, terceira consecutiva, O Calvo Xiria –xa con 13 puntos- pasa a ocupar a quinta praza na táboa clasificatoria e fai entrar en alerta vermella ao equipo do Principado, que unha semana máis continúa na temida zona de descenso.

Os locais comezaron moi desacertados con continuas perdas de balón e bastante desafinados nos lanzamentos, namentres a zaga carballesa pechábase moi ben e o meta Iago apenas tiña traballo. Con este panorama, e a pesar de tamén desaproveitar varias oportunidades, o Calvo Xiria colócase cun favorable 0-4. Cando xa chamaba en exceso a atención, por fin, no minuto nove e medio, conseguen os ovetenses marcar o seu primeiro gol (1-4). O Xiria seguiu dominando e conservou a súa vantaxe ata o minuto trece, momento no que Ángel cunha intrépida penetración anota o 2-6. Mais o meta local con tres detencións consecutivas consegue elevar a moral dos seus e o marcador comeza a apertarse (5-6, min.16). Con goles de Pablo e Álex Zas semellaba que novamente se ía escapar o Xiria (5-8, min 18), pero nada máis lonxe da realidade, pois outra vez, Emilio coas súas intervencións permite a recuperación dun Base Oviedo, que sen facer nada do outro mundo, empata o encontro no minuto vinte e tres (8-8). No tramo final, os visitantes que nunca perderon a intensidade defensiva, tamén se centraron máis nas accións atacantes e outra vez foron quen de impoñer a súa superior calidade para abrir unha pequena brecha. Así cando os xogadores se retiran aos vestiarios o Calvo Xiria dominaba no electrónico por 9-12, unha renda que ao final do choque resultou ser decisiva.

Comezou o segundo tempo cunha posesión desaproveitada polo Xiria, e tras un intercambio de varios goles chegouse ao minuto seis cun favorable 12-15. Poren a partir de aquí, os locais souberon aproveitar as oportunidades concedidas pola bisoña e inexperta parella arbitral para ir limando a vantaxe e tras conseguir empatar (15-15, no min. 12) dispuxeron dunha gran opción para poñerse por diante que foi magnificamente abortada polo meta Kike ao deter un lanzamento desde a liña de sete metros. Superados estes momentos de apuro, o Xiria tirou de caste e aínda que non chegou a mover o balón coa velocidade habitual e tivo que pasar por situacións nas que se atopou con dous xogadores excluídos, pouco a pouco foi impoñendo o seu xogo. No minuto cincuenta vencía por 17-18, pero no cincuenta e seis xa gañaba por 18-21. Esta renda permitiulle aos xogadores que dirixe Marcos Rodríguez encarar con máis tranquilidade o derradeiro tramo no que conseguiu manter a vantaxe para terminar vencendo por 19-22, un exiguo resultado que resume case á perfección a ineficacia atacante amosada por ambos os dous equipos.

A vindeira semana, en Carballo no Pavillón «Vila de Noia», o Calvo Xiria recibe ao Bm. Cisne de Pontevedra, un equipo que non atravesa polo seu mellor momento. Os carballeses dispoñen pois dunha gran ocasión para certificar o espléndido inicio de campaña e así poder enfrontarse sen complexos ante At. Novás e Medicentro Gijón, os dous potentísimos rivais contra os que toca pechar esta primeira volta.