CALVO XIRIA 34 – CISNE BM. 34
1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 11 04/12/2010 CALVO XIRIA 34 – CISNE BM. 34 Calvo Xiria 34 (14+20): Iago [p, 6 pdas]; Jesús (6), Ramón (1), Cuco (2), Dubra (3),…
1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 11
04/12/2010 CALVO XIRIA 34 – CISNE BM. 34
Calvo Xiria 34 (14+20): Iago [p, 6 pdas]; Jesús (6), Ramón (1), Cuco (2), Dubra (3), Borja (2), Manu (5) -equipo inicial- Kike [p, 8 pdas], Christophe, Pablo (7/ 3 de 7m), Ángel, David (4), Álex Zas (4) e Naya [p]
Cisne Bm. 34 (16+18): Lafuente [p, 1 pdas]; Amarelle (4), Sío, Lorenzo, Fabián, Panero, Picallo –equipo inicial- Galán [p, 5 pdas/ 1 de 7m], Domínguez (9), Casares (6), Quintáns (1), Casal (1), Pachi (8) e Marticorena (1)
Colexiados: Abraham Clemente Espinosa e Marco Antonio Clemente Espinosa (Federación territorial de Asturias). Sancionaron con exclusión aos locais Jesús (min 12), Manu (min 12 e 28), Cuco (min 23, 35 e 53 –descualificado dobremente), Ángel (min 44), Ramón (descualificado directamente no min 53), Borja (descualificado directamente no min 57) e ao adestrador Marcos (min 23). No equipo visitante excluíron a Amarelle (min 23, 48 e 57 –descualificado-), Casares (min 27) e Pachi (min 37 e 52).
Marcador: 3-3, 7-4, 10-6, 11-8, 11-12, 14-16 (descanso); 19-18, 23-20, 25-25, 27-28, 29-31, 34-34 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 3 / 4 # # # Bm. Cisne: 4 / 4
En encontro de liga correspondente á undécima xornada de PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL DE BALONMÁN o Calvo Xiria rachou coa súa racha de vitorias, pero polo menos conseguiu sumar un punto tras empatar 34-34 co equipo pontevedrés do Bm. Cisne. Os carballeses baixan ata a sexta praza na táboa clasificatoria porén igualan a 14 puntos con Paraxe Construcciones, At. Novás e Bm. Lalín que ocupan os postos precedentes.
O enfrontamento comezou coa tensión que cabía esperar entre dous equipos que se coñecen perfectamente. Despois de que o Cisne se adiantase en dúas ocasións foi no minuto catro cando un xa entoado Calvo Xiria consegue facerse por primeira vez co mando do choque. Amparándose no acerto goleador do hábil extremo Jesús, que ata o momento acaparaba todo o protagonismo nesa faceta, os carballeses adquiriron a súa primeira vantaxe (3-2). Xa co partido controlado, pechándose moi ben atrás e movendo o balón coa súa habitual rapidez, os carballeses axiña se foron despegando para chegar ao minuto doce cun marcador favorable de 9-4. A superioridade local era manifesta e a pesar de xogar con dous homes menos conseguen manter a vantaxe ata o minuto dez e seis (11-6). Mais a partir de aquí todo mudou radicalmente. O Xiria fallou un lanzamento de sete metros, detido polo meta Galán que acababa de substituír a un desafortunado Lafuente e seguidamente, cunha arbitraxe que comezaba a dar síntomas preocupantes, chegou a cometer un rosario de erros e imprecisións totalmente incribles. Curiosamente nas seguintes xogadas ofensivas os carballeses fallaron dous lanzamentos, perderon un balón debido a un esvarón, foron sancionados con tres faltas en ataque e con «pasos» en catro ocasións. Coas cousas así, o Cisne -que durante dous minutos tamén estivo en superioridade numérica de cinco xogadores de campo contra catro- recuperouse animicamente e conseguiu revivir. Os pontevedreses aproveitaron non só para enxugar a vantaxe senón para poñerse con tres goles arriba pois xa no minuto vinte e seis gañaban por 11-14. No último tramo deste primeiro acto os rapaces de Marcos Rodríguez chegaron a aproximarse ata un gol (14-15, min 29) pero finalmente Casares anotou para os seus e os equipos dirixíronse aos vestiarios cun 14-16 alumeando no electrónico.
Todo semellaba arranxarse co arranque do segundo tempo porque cun parcial de 5-1 o Calvo Xiria, outra vez despregando un gran xogo, sitúase de novo por riba e con dous goles de diferenza (19-17, min. 34). A vantaxe incluso se aumenta pouco despois ata tres (23-20, min. 40), pero cunha parella arbitral tendenciosa e obsesionada por manter aos pontevedreses no encontro o Xiria novamente perde a vantaxe e os de Milucho empatan no minuto catorce (25-25). O partido mantense igualado ata o 29-29 (min. 52), pero a partir de aquí os xogadores carballeses xa non poden aguantar a presión provocada polas discutibles decisións dos colexiados sempre en contra dos seus intereses e Ramón ve a vermella directa perdéndose así un dos principais baluartes defensivos. Cuco sofre a terceira exclusión e unha sanción de 4 minutos por desconsideración. O equipo queda en inferioridade con dous homes menos e co centro da defensa defenestrado, circunstancia que o Cisne volve aproveitar para escaparse de tres (29-32) co minuto cincuenta e cinco xa superado. Pouco despois, co marcador sinalando un 31-33, xorde un novo contratempo, Borja é descualificado por protestar desde o banco. O partido xa parecía decantado e o Cisne xogaba para que correse o crono sempre ao bordo do pasivo. Faltando un minuto aínda mantiña esa vantaxe (32-34) pero o Calvo Xiria facendo valer a súa profundidade de banquiño e cos xogadores movéndose coma avións achégase a un, cunha fulminante penetración de Manu. Tras o tempo morto solicitado polo adestrador pontevedrés, a defensa carballesa ofrecendo unha gran demostración de caste e orgullo desbarata o ataque inimigo e con vertixinosa velocidade provoca un claro castigo de 7 metros que, con pulso firme, Pablo transforma xa co tempo cumprido. O Calvo Xiria salvaba así un punto moi aplaudido polos seareiros que non acertaban a entender tan infame arbitraxe.