BM. CANGAS GASPO 23 – GRUPO LEMACO XIRIA 27

XORNADA 19

10/03/2013

Bm. Cangas Gaspo Catalana Occidente: 23 (11+12): Brais, Adrián (5), Erik (5), Eloy (2), André (5), Pablo (2), Xoán (1) -equipo inicial- Víctor, Dani (1), Saul (1), Abel (1), Javi.

Grupo Lemaco Xiria: 27 (15+12): Buño, Iván (9), Enrique (2), Diego (1), Calvo (1), Dani (7), Lolo (4) -equipo inicial- Álex, Andrés, Gabriel (1), Pablo (2), Borja, Jorge, Manuel.

Colexiadas: Soraya Abelenda e Ana Correa.

Saíu a por todas o equipo de Carballo no parqué do I.E.S Rodeira de Cangas, sabedores de que aínda poden alcanzar a terceira praza e de forma máis complexa a segunda da táboa clasificatoría.

Os primeiros compases foron de moita intensidade e un xogo dinámico e veloz por parte dos bergantiñáns, pero os de Cangas, sempre combativos, non lle perdían a cara ao partido. Un parcial de 2-6 entre o minuto dez e o vinte fixo posible que o Grupo Lemaco se despegara ata os seis goles de diferenza, unha marxe cómoda pero non definitiva. Os visitantes estaban a desplegar a súa velocidade no contraataque como a súa mellor arma, pero no ataque posicional debían elaborar moito máis o xogo, xa que encontraban grandes dificultades fronte á férrea defensa canguesa. No tempo de descanso o marcador reflectía un resultado a favor dos de Xiria por catro goles de diferenza (11-15).

Na segunda parte, os carballeses baixaron moito as súas prestacións e xa non eran aquel conxunto de ideas claras e accións dinámicas do primeiro tempo. Os locais, sen demasiada eficacia no xogo, si poñían ambición e vontade por acercarse no marcador e simplemente con isto e unha defensa 6:0 en bloque bastoulles para manter un parcial igualado na reanudación, e incluso meter o medo no corpo aos rapaces do Grupo Lemaco Xiria, cando nos instantes finais achegábanse a tan só dous goles de diferenza. Por sorte, aquilo foi un espellismo, e un par de defensas seguidas e outros tantos contragolpes daban por finiquitado o encontro con ese resultado de 23-27 que deixa aos de Carballo na posibilidade de conseguir a terceira praza na próxima xornada sempre que consigan derrotar ao Bueu Atlético no Vila de Noia carballés.

Este encontro entre o Grupo Lemaco Xiria e o Bueu disputarase o domingo ás 10:30 no Pavillón Municipal Vila de Noia de Carballo. Partido crucial, xa que de gañar, o equipo de Xiria aínda podería aspirar a quedar entre os dous primeiros clasificados.