LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 21
16/03/2013 CALVO XIRIA 24 – CONSLAR O.A.R. CORUÑA 19
Calvo Xiria 24 (11+13): Kike [p], Ramón (4), Jesús (5), Chimpo (2), Dubra (4), Manuel, Brais -sete inicial- Iago [p], Jorge, Pablo (7), Sergio (1), Martín, Calvete, Mario.
Conslar OAR Coruña 19 (11+8): Ignacio [p], Alfonso (2), Víctor (8), Yoel (1), Sergio (4), Flavien (2), Pedro (2) -sete inicial- Martín [p], Casero [p], Manuel, Daniel, Rubén, Kevin, Cristian.
Colexiados: Pablo Álvarez Vázquez e Lucas Crespo Gómez do colexio galego. Excluíron aos locais Ramón (19´), Manuel (27´) e Chimpo (37´). Por parte visitante excluíron a Alfonso (8´, 43´ e 58´).
Marcador: 2-0, 4-3, 6-5, 8-6, 10-9, 11-11 (descanso); 13-13, 14-14, 16-14, 17-14, 20-17, 24-19 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 2/6 ### Conslar OAR Coruña: 5/7
Moi boa entrada no Municipal Vila de Noia cuns 450 seareiros que non quixeron perderse o derbi provincial
Día de derbi no Vila de Noia. O Calvo Xiria enfrontouse no municipal carballés a un OAR Coruña que ten a necesidade imperiosa de puntuar para escapar do descenso. Pola súa parte os locais transitan pola parte tibia da táboa agardando obter o maior número de puntos posibles e escalar postos na clasificación final.
Partían coma favoritos os bergantiñáns, que acabaron cumprindo co seu papel. Pero non foi doado xa que houbo partido moitos minutos, case cincuenta, o que tardaron os carballeses en impor o seu ritmo de ataque e defensa.
Os primeiros trinta minutos foron de igualdade máxima, co conxunto herculino impoñendo un ritmo lento, con ataques longuísimos nos que buscaba o xogo cos dous pivotes que dispuxo no terreo de xogo. O Calvo caeu no erro de xogar pausado, tanto como a proposta coruñesa. A pouca velocidade na circulación do balón traduciuse na obriga de lanzar sen vantaxes e deste xeito os goles subían ao marcador coma contagotas. So o traballo na defensa e as paradas de Kike igualaban a contenda. O empata a 11 co que se chegou ao tempo de lecer era un fiel reflexo do acontecido no terreo de xogo.
O paso pola caseta pareceu cambiar a dinámica do encontro, catro ataques convertéronse en dous goles por equipo. Pero foi un espellismo.
En dezasete minutos o parcial de 4-1 devolveu aos numerosos seareiros presentes na grada á realidade. Mais foi suficiente para “romper” o encontro a prol dos carballeses, porque nun partido coma o de hoxe conseguir tres goles de diferenza semella case que definitivo. Neses momentos a defensa local e Iago na portería resultaron ser demasiada conxunción para o Conslar que foi incapaz de igualar o nivel anotador do Calvo.
Nos dez minutos finais o OAR viuse obrigado a xogar máis rápido e aí amosouse superior o cadro carballés que pechou o encontro cunha vitoria por cinco goles.
Destacado traballo de Ramón que tanto en ataque coma en defensa foi un xogador determinante para que os dous puntos quedaran na casa.
