BM. CANGAS-JOSÉ ENSEÑAT 23 – IFECGAS PEREIRA XIRIA 24

XORNADA 19

10/03/2013

Bm. Cangas-José Enseñat: 23 (16+7): Alberto, José (6), Joel (4), Dani (4), Pablo (4), Pepe (3), Xairo (1) -equipo inicial- Rubén (1), Abel, Darío, César, Sierra, André.

Ifecgás Pereira Xiria: 24 (11+13): Zúpez, Rubén Anes, Martín (4), Javi (3), Jorge (7), Alberto (1), Calvete (4) -equipo inicial- Edu (1), Iván, José (1), Julián, Óscar, Buño, Rubén Gómez (3)

Colexiadas: Soraya Abelenda e Ana Correa.

Partido con moita tensión e pouco xogo o disputado o pasado domingo na pista do I.E.S Rodeira de Cangas do Morrazo entre o Balonmán Cangas e o Ifecgás Pereira Xiria.

Os dous equipos chegaban ao tramo final da tempada en situación oposta; os locais, que estiveran coqueteando coas primeiras prazas da clasificación durante toda a liga, desinfláronse hai dúas xornadas e con dous partidos consecutivos sen puntuar chegaban a este encontro sen posibilidades de acceder ao segundo posto. Os de Xiria, pola súa parte, tiñan a obriga de gañar para seguir na loita polo título e agardar unha derrota ou empate do Balonmán Lalín na Coruña fronte ao OAR para poder acceder de novo á primeira praza, posto que lalineses e carballeses comandan a clasificación cos mesmos puntos pero a golaveraxe favorece aos do Deza.

O encontro comezou moi frío e sen ritmo por parte dos dous conxuntos, os erros de lanzamento e as perdas de balón eran a tónica xeral dos primeiros compases e poucos eran os argumentos para demostrar que se estaban a enfrontar dous dos mellores equipos da categoría. Os de Xiria que, a pesar das moitas imprecisións e da indolencia da retagarda, conseguían unha avantaxe de ata catro goles no meridiano daban a de area e encaixaban un parcial de 5-0 para colocarse por detrás do marcador no minuto vinte (9-8). Os últimos dez minutos deste acto foron de autentica debacle bergantiñá e un parcial de 7-3 facía saltar todas as alarmas no tempo de lecer (16-11).

Na renudación púidose ver un cambio de intensidade e atención por parte dos de Carballo, que sen facer un bo xogo bastoulles con esas dúas variables para defender e correr, feito que os metía de novo no partido no minuto dez e cun parcial de 1-5 (17-16). Non tardaron os carballeses en coller a dianteira que xa non deixarían en todo este acto, aínda que a igualdade e o sufrimento foi moito ata o pitido final. Chegábase a os últimos dez minutos con dous goles de vantaxe para os visitantes, despois dun 3-6 de parcial, pero os erros de lanzamento seguían a producirse, mantendo o resultado en incerteza ata o remate. Os últimos instantes foron de erro tras erro para os dous equipos e o encontro tomaba de novo o camiño polo que empezara. Remataba o partido na área canguesa con un Ifecgás Pereira atascado no día de hoxe pero, polo contrario, con dous puntos no peto que os acreditan xa, de forma matemática, como mínimo coma subcampións galegos. A loita polo primeiro posto ten todas as cartas para prolongarse ata o final do campionato despois da sufrida vitoria do Balonmán Lalín na Coruña fronte ao OAR.

A próxima fin de semana, o Ifecgas Pereira recibirá ao Bueu Atlético, que con seis puntos ocupa a penúltima praza da clasificación. O partido disputarase o domingo ás 12:15 h no pavillón municipal Vila de Noia de Carballo. Todo o que sexa exceso de confianza pola diferenza de puntos entre os dous conxuntos, pode dar un disgusto aos de Carballo que, unha vez máis, necesitan da vitoria para manter o pulso co Lalín a falta de tres xornadas para o remate do campionato.