BM. CARBALLAL: 15 – GARAYSA XIRIA: 33

División de Honra Infantil Masculino

Bm. Carballal (7 + 8): Julio, Lois, José, Andre (3), Jose M., Alberto (1), Lucas (4), Iago (1), Brais (5), Mario, Samuel, Gabriel (1) e Pablo.

E. BM. Xiria (12 + 21): Roi (2), Samuel, Mario, Cristopher (3), Jose, Pombo (2), Brais (3), Fran (4), Andy (3), Antón (7), Ronaldo (3), Pablo (1), Urbieta e Vila (5).

BM Carballal – Grupo Lemaco Xiria

O Garaysa Xiria segue na senda da vitoria e amosando unha melloría no xogo a medida que pasan as xornadas. Nesta ocasión o rival era o recentemente ascendido Bm. Carballal de Cabral (Vigo).

O encontro comezaba moi cedo, ás 9:30 da mañá, logo dunha viaxe de dúas horas dende Carballo, o que sen dúbida influíu no xogo durante toda a primeira metade, onde se viron moitas imprecisións en ataque e unha falta de intensidade defensiva que impedía ao Garaysa despegarse no marcador.

O xogo demasiado individual en ataque por parte do Xiria, abusando do poderío físico, obrigaba a rematar moitas accións de lanzamento en situacións forzadas que non acababan entre as mallas. En defensa o equipo saíu cunha 3-2-1 con moita presión que non terminaba de dar os seus froitos fronte a un Carballal moi estático e pausado en ataque. A pouca intensidade e a falta de atención nas marcaxes non permitían roubos claros de balón e quitáballe ao Xiria a posibilidade de contraatacar.

Tralo descanso o equipo foi outro, a defensa comezou a apertar de xeito intelixente e o equipo pronto foi un furacán de goles ao contragolpe que deixaron KO aos locais en poucos minutos. En ataque o equipo tamén mellorou o xogo da primeira metade e comezou a elaborar máis o seus ataque cun xogo moito máis colectivo, tendo a paciencia necesaria para acadar situacións de lanzamento claras.

Ao remate 15-33 nun encontro onde o Xiria foi de menos a máis e rematou xogando un moi bo balonmán.