Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

BM. INZAMAC ZAMORA 28 – CALVO XIRIA 28

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 5 16/10/2010 BM. INZAMAC ZAMORA 28 – CALVO XIRIA 28 Bm. Inzamac Zamora 28 (14+14): Bolly [p, 14 pdas], Jose (2), Berto (1), Fer (1),…

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 5

16/10/2010 BM. INZAMAC ZAMORA 28 – CALVO XIRIA 28
Bm. Inzamac Zamora 28 (14+14): Bolly [p, 14 pdas], Jose (2), Berto (1), Fer (1), Iñaki, Peli (10/ 5 de 7m), Litus (7) –equipo inicial- Óscar [p], Alexander (1), Arcel (2), Guille (1), Carletes (3), Sandín e Jortos.
Calvo Xiria 28 (15+13): Iago [p, 5 pdas], Cuco (2), Pablo (11/ 5 de 7m), Manu (1), Borja (1), Dubra (3), Jesús (2) –equipo inicial- Kike [p, 5 pdas], Ramón (2), Christophe (1), Álex García (3), Fer (2) e Naya [p].
Colexiados: Pablo Castellanos García e Víctor Rollán Martín (ambos do Colexio de Castela-León). Excluíron a Litus (min.10 e 42), Peli (min 39) e Guille (min 43) no equipo local. Tamén sufriron sanción de exclusión os visitantes Ramón (min. 17, 41 e 43 –descalificado-) e Álex García (min. 31 e 43).
Parciais cada cinco minutos: 3-3; 6-5; 7-6; 9-9;12-11; 14-15 (descanso); 17-16; 20-22; 24-24; 25-25; 27-26; 28-28 (final).
7 metros: Inzamac Zamora: 5 / 6 # # # Calvo Xiria: 5 / 5.
En Partido da quinta xornada de Liga en PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL disputado no Pavillón “Manuel Camba” de Zamora, o Calvo Xiria conseguiu un valiosísimo punto ao empatar co equipo local do Inzamac. No cadro do Douro debutou o georgiano Alexander Lobjanidze, pero por contra, non puido contar cos lesionados Óscar Álvarez e Octavio. Jortos aínda que estivo no banco non participou no xogo. Pola súa parte, o Calvo Xiria só puido viaxar con 13 xogadores, pois á baixa de Suso, sumáronse a última hora as de Ángel (por molestias nun xeonllo) e Álex Zas (con escordadura de nocello).

Comezaron ben as cousas para o Calvo Xiria que con rapidez de movementos e unha endiañada velocidade nas circulacións axiña se adiantou cun 0-2 no taboleiro de marcas. Os goles de Manu, en penetración, e de Pablo, desde a raia de castigo, certificaron ese brillante inicio. Cento corenta e oito foron os segundos que precisou a escuadra local para anotar o primeiro, case o mesmo tempo que tardou en axustar a defensa para recuperar o esférico e empatar (2-2) no minuto tres. Os rapaces de Marcos Rodríguez seguiron xogando sen complexos e con xogo bonito axiña o extremo Dubra marca o terceiro (2-3). Pero o tema non era doado, a partir de aquí, cometeron varios erros de finalización e permitiron ao Inzamac -cun “Litus” formidable no tiro de cadrís- acadar no minuto seis e medio a súa primeira vantaxe (4-3). Animados pola situación, os zamoranos, ampliaran a diferenza ata os dous goles (6-4), pero o Calvo Xiria non tardou en enxugala empatando de novo o partido (6-6) no minuto once e medio. Con diferenzas que oscilaban entre o un e os dous goles o equipo de Eduardo García Valiente foi controlando o segundo terzo deste acto, grazas á inspiración do seu meta Bolly e ao acerto anotador do lateral Cano. Un “arreón” con dous goles consecutivos de Dubra e Fer permite ao Calvo Xiria empatar o evento (9-9) ao bordo do minuto vinte; e aínda ter opcións de poñerse por diante, pero a ocasión é desaproveitada por cometer falta en ataque. O xogador local Cano, máis coñecido no noso ambiente por “Peli”, continuaba intratable e como anguía limosa seguía deslizándose unha e outra vez entre os defensores carballeses que non conseguían dar coa trécola para poder paralo. Así, de novo, o cadro do Douro vólvese poñer por diante e consegue chegar ao minuto vinte e sete con tres goles de renda (14-11). Lonxe de preocuparse, o Xiria volve amosar as súas mellores armas, e en tres minutos máxicos dálle a volta ao partido. Ramón consegue o empate (14-14) no minuto vinte e nove e tras unha espectacular parada de Iago; o central, Pablo, coa súa habitual mestría, anota o derradeiro gol deste primeiro acto. Cando os xogadores se retiran a vestiarios, o luminoso “torce pescozos” do «Manuel Camba» reflicte un 14-15 favorable aos visitantes.

Tras o descanso os locais saen ben mentalizados empatando deseguido e, tras unha pequena seca de ambos os dous bandos, completan un parcial de 3-0 que os coloca cun favorable 17-15 no minuto catro. A reacción non se fai esperar e cun vertixinoso ritmo o Calvo Xiria devolve o parcial e no minuto seis, despois dunha contra de Borja, recupera a vantaxe e colócase outra vez un arriba (17-18). Os locais conseguen empatar (18-18), pero o xogo dos carballeses, unha vez máis, volve desbordar ao equipo rival. Cunha formidable defensa e con accións veloces e de gran plasticidade en ataque consegue acadar unha renda de tres goles. De magníficas podemos cualificar as finalizacións de Christophe e de Pablo (este en dúas ocasións) que elevan os díxitos do Xiria e colocan o 18-21 no electrónico. Para dar descanso a Dubra e Jesús, únicos extremos cos que puido contar o adestrador Rodríguez, Álex García e Ramón tiveron que desempeñar esa función durante moitos momentos desta segunda metade. Foi precisamente Ramón o que tras un gol local devolve a vantaxe. Era o minuto corenta de partido e o Xiria mandaba por 19-22. Na seguinte xogada o espigado xogador carballés é excluído por segunda vez e os de Zamora recortan un gol. Con todo a cousa semellaba controlada cando deseguido o Inzamac sofre tamén ese castigo en dúas ocasións case consecutivas, pero por fatalidade, o Calvo Xiria non consegue anotar, o que si fan os zamoranos por partida dobre e empatan o partido no minuto corenta e tres (23-23). Para colmo de males Ramón ten que abandonar a pista tras ser excluído por terceira vez e, case deseguido, Álex tamén sofre un novo castigo de dous minutos. Con todo, o partido mantense igualado ata o minuto cincuenta (25-25), pero os nervios fan a súa aparición nun e noutro bando. Son os locais os que antes conseguen recuperarse para chegarmos ao minuto cincueta e tres cun inquedante 27-25 ao seu favor. Máis o orgullo que esta temporada están amosando os rapaces de Carballo non lles permitía defraudar ao puñado de seareiros que os acompañaron neste desprazamento a terras castelano-leoneas. Cun encomiable esforzo foron reducindo a vantaxe; achegándose a un gol en dúas ocasións, a última (28-27) no minuto cincueata e sete grazas ao acerto anotador de Pablo, ao cabo mellor finalizador do encontro. Tras unha gran defensa, o xogador carballés Fer consegue penetrar con decisión para establecer o empate (28-28). Faltaban nese momento 112 segundos. O meta Kike desbaratou o derradeiro ataque dos locais outorgando ao seu equipo unha gran ocasión para poder vencer no choque e os carballeses intentárono con tesón, incluso marcando un gol que foi anulado de xeito moi discutible. Finalmente a férrea defensa coa que conseguiu cerrarse o Inzamac permitiulles saír airosos do atafego selando ese definitivo 28-28 co que finalizou o evento.

Tras esta quinta xornada a clasificación queda un pouco máis apertada, pero o Calvo Xiria mantén a sétima praza. Na vindeira, xa no pavillón da zona escolar carballesa, os rapaces de Marcos Rodríguez disporán dunha nova ocasión para agasallar á súa afección. O rival será o Peguform SAR de Redondela, undécimo clasificado.