BM OLEIROS 27 – CALVO XIRIA 26

03/03/2007 BM OLEIROS 27 – CALVO XIRIA 26
Bm Oleiros (14+13) 24: Manuel, David Rodríguez (6), Jacob (1), Óscar Javier, Iván (9), Casal (1) e Argüeso (2) –equipo inicial- David Taboada, David Rocha, Francisco (3), Iglesias (5), Adrián, Samuel e Diego.
Calvo Xiria (10+16) 28: Quique, Fernando Vázquez (8), Cuco (3), Pablo, Cristophe (1), Joaquín (2) e Chimpo (4) – equipo inicial – Iván, Pombo (4), Queco, Ángel (4), Hernán e Manuel.

Árbitros: José María García e Iván Mejide. Fatal.
O Calvo Xiria sumou unha nova derrota lonxe do Pavillón Municipal da Zona Escolar fronte ao Oleiros, nun partido que parecía propicio para que o equipo de Marcos Rodríguez asegurara, prácticamente, a terceira posición da tabla clasificatoria. Os primeiros compases de partido foron moi igualados, con ataques de éxito para ambos conxuntos e lixeiras diferenzas para un e outro no marcador. Pouco a pouco, o Oleiros foi levando o choque ao terreo que lle interesaba e, aproveitando a candidez defensiva e os erros no lanzamento do Xiria, foi collendo unha renda de catro e cinco goles que facía caer aos carballeses na precipitación e na elección de malas opcións de lanzamento. Só Fernando e Ángel parecían ter as cousas claras na parcela ofensiva, nunha primeira metade na que o Calvo Xiria ofreceu a súa peor versión. A defensa nunca existiu nese primeiro acto, no que o Oleiros se marchaba aos vestiarios cunha renda de catro goles (14-10).

A segunda metade foi un continuo querer e non poder por parte do Calvo Xiria, que se volveu a atopar no camiño co colexiado José María García, acompañado desta volta por Iván Mejide. A actuación arbitral foi nefasta, algo xa habitual este ano na categoría, cun rosario de exclusións e decisións polémicas que volveron a desesperar aos xogadores e técnicos do Calvo Xiria. Pese a todo, o Calvo Xiria intentou a remontada cambiando, no ecuador do segundo acto, a unha defensa 3-3 presionante na primeira liña, que ás veces trocaba nunha individual a toda pista. Ao Oleiros comenzaba a atragantárselle a disposición defensiva do seu rival, pero o Calvo Xiria errou dúas claras situacións de poñerse a un só tanto do conxunto local cando aínda había tempo para consumar a remontada. Pese a ir toda a segunda metade a remolque, o Calvo Xiria recuperou un balón a falta de seis segundos que lle podería dar o empate de acertar coa xogada de ataque. O Oleiros estivo listo e fixo unha falta lonxe da portería local para deixar ao conxunto carballés sen a posibilidade de empatar. A mala actuación arbitral non debe esconder a mala primeira parte do Calvo Xiria, que deixou coller unha renda importante a un Oleiros que soubo xogar con ela toda a reanudación.