Bo partido entre o Goldie Xiria e a SAR

Foi un bo partido o que se puido ver hoxe pola tarde no Vila De Noia entre o Goldie Xiria e a SAR de Redondela. As de casa comezaron un pouco espesas no lanzamento a portería, cuestión que aproveitarían as «choqueiras» para colocarse cun 5-0 de inicio. Nove minutos foron os que tardaron as carballesas en estrear o seu marcador, pero a partir de aquí foron crecendo no encontro e, aínda que sempre por detrás no electrónico, gozaron de grandes momentos nos que foron capaces de situarse a tres goles de distancia grazas ás recuperacións defensivas e á subida ao contragolpe. O conxunto de Redondela, sempre moi serio no seu xogo, non se amedrentaba nin nos momentos de maior lucidez das bergantiñás e marchábanse ao vestiario no tempo de descanso cunha cómoda vantaxe (10-15). No segundo tempo, as mozas de ouro saíron decididas e a por todas, aferrandose a sua defensa para achegarse ao seu rival. As visitantes manexaban os tempos e non permitían que o partido entrase nunha fase tola, cuestión que podería prexudicar os seus intereses. Foi, por mor de dúas exclusións practicamente consecutivas, cando as verdinegras souberon apertar de novo ao ataque rival e conseguir a recuperación de varios balóns. Quedaban trece minutos para o final e o Goldie Xiria metíase e cheo no encontro (16-19). Era o instante máis tenso do partido, pero dúas perdidas de balón sentenciaban definitivamente ás carballesas, que aínda así mantiveron o tipo e non baixaron o ritmo en ningún momento.

Para a semana, segunda xornada desta segunda fase do campionato, xornada que significará un novo e a recado vibrante derbi en Camariñas.

Goldie Xiria: 23 (10+13). Brenda Noya, Andrea Pose, Uxía Pazos (1), Saray Couto, Alba Rodríguez, Raquel Gómez (2), Juana Garrochena (6), Adriana Groba (4), Elena Segade (6), Zeltia Landeira (3), Diana Rodríguez (1), Sara Pombo.

SAR: 28 (15+13). Inés Soto (2), Antía Couñago (7), Rebeca Prego, Lida Krook, Alba De Jong, Laura González (2), Lucía Núñez, Laura López (1), Eva Paz, Noelia Taboas (2), Lucía González (3), Ana Rodríguez (3), Begoña Fuenteseca, María Soliño (8).

Arbitros: Pedro Bermúdez e Pablo Torreiro. Sen complicacións.

Incidencias: Primeiro encontro da segunda fase da liga en 1ª Autonómica feminina disputado no Pavillón Vila de Noia ante cento trinta siareiros.