Boa vitoria de Calvo Xiria ante o Seis do Nadal

O noso equipo feminino volveu onte á senda do triunfo de forma solvente ante un Seis do Nadal que non foi capaz de poñer en apuros en ningún momento do encontro ó conxunto carballés.

O partido non podía comezar de mellor maneira cun parcial 4-0 a favor das locais nos primeiros minutos que foi unha auténtica declaración de intencións do xogo do Xiria. O equipo olívico recortou timidamente distancias, pero o continua rotación local permitía controlar o partido en todas as fases do xogo chegando ó descanso cun marcador de 17-10.

Co inicio da segunda metade, semellaba que o Xiria non ía ser capaz de incrementar a distancia no electrónico, mais unha sucesión de boas defensas e accións rápidas de contraataque confirmaba o dominio local.

Bo traballo de todo o equipo, con todas as xogadoras desfrutando de minutos e xa coa vista posta no partido aprazado contra o BM. Xallas previsto para este martes ás 12.