LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 10
24/11/2012 CAFÉS TOSCAF 30 – CALVO XIRIA 29
Cafés Toscaf 30 (13+17): Sergio [p], Silverio, Prieto (2), Fidalgo (1), Israel (7), Domínguez (2), Díez (5) -equipo inicial- Pelayo [p], Jorge (3), Avelino (8), Sergio, Abel (2), Suárez, González.
Calvo Xiria 25 (11+18): Kike [p], Alex, Jesús (4), Brais (4), Cuco (2) Manuel (4), Dubra (7) -equipo inicial- Naya [p], Gonzalo (5), Sergio (2), Rubén, Ramón (1).
Colexiados: Oriol Álvarez Boixaderas e Raúl Escoda Pérez pertencentes á Federación Territorial de Cataluña. Arbitraxe moi caseira e determinante no resultado final. Sinalaron catro exclusións aos locais por sete aos visitantes, seis delas no segundo tempo.
Marcador: 2-0, 6-1, 6-5, 8-7, 10-9, 13-11(descanso); 15-14, 18-16, 21-18, 24-22, 27-23, 30-29(final).
7 metros: Cafés Toscaf: 4 / 5 ### Calvo Xiria: 5 / 6
Boa entrada con preto de 200 seareiros, o Calvo non puido contar cos seus incondicionais nunha xornada marcada con moi malas condicións para viaxar.
Parecía complicado que o Calvo contase con máis baixas para un encontro, pero este ano semella case que imposible que xuntar a todos os xogadores dispoñibles nunha xornada: ás baixas por lesión de Ángel, Pablo e o xuvenil Jorge uníase esta semana a de Mario tamén mancado, Martín por estudos, Iago por mor de compromisos laborais e finalmente Chimpo por sanción federativa. En total sete xogadores fora de combate para se enfrontar a un Cafés Toscaf que medra moitos enteiros na súa pista da Magdalena.
Eran conscientes os carballeses que todas as súas opcións pasaban por facer unha labor defensiva que se achegase o máximo posible á perfección e con esa idea saltaron ao pavillón avilesino.
Os primeiros trinta minutos foron de dominio das defensas e das porterías, o partido que desexaban os carballeses, o resultado no tempo de lecer, 13 – 11, fala por si solo. Sen xogar nada ben en ataque os verdiblancos tiñan moitas opcións no encontro, e so a mala fortuna nos rechaces permitían aos avilesinos irse por diante aos vestiarios.
Todo ía máis ou menos como o Xiria desexaba ate que un grave erro arbitral transformou un claro sete metros a prol dos locais nunha falta en ataque, e os serareiros locais amosaron o seu malestar subindo os decibelios nas súas protestas. A parella arbitral, moi inexperta, demasiado, caeu nas súas redes e na dos xogadores veteráns do Cafés Toscaf, que souberon ver a situación e tirar proveito da mesma. A partir dese intre o Calvo Xiria foi sempre a remolque, imposibilitado de amosar o seu mellor xogo.
Pero en ningún momento tirou a toalla, seguiu loitando ate o límite das forzas dos poucos xogadores dispoñibles para este encontro, e tivo un balón a falla de 4´´ que tivo que xogar dende a súa portería, e que rematou en golpe franco.
Nada se pode reprochar da actitude amosada polos carballeses nun partido que debería, se a xustiza arbitral fose tal, rematado doutro xeito.
A vindeira xornada o Calvo xoga ante o que polo de agora estase a comportar coma o equipo máis forte da categoría, o MMT Seguros Zamora. Será o sábado ás 18:00 horas no Municipal Vila de Noia.