Caixanova OAR (10+14) 24: Roberto, Francisco, Joel (4), Carlos Pereiro (1), Carlos Garvín (2), Víctor (12) e Jorge (1) – equipo inicial – Javier Rey, Dani Angeriz (2), Moreno, Mahía (1) e Daniel López (1).
Asesoría Sueiro Xiria (13+15) 28: Guillín, Ramón (5), Diego Díaz (3), Óscar, Viqueira, Juan (2) e Joaquín (13) – equipo inicial – Iago, Ricardo, Norberto, Manuel (4), Eloy e Diego Puente (1).
Árbitro: Flores. Ben.
Incidencias: Encontro correspondente á 14ª Xornada do Campionato Territorial Norte Xuvenil Masculino disputado no Pavillón San Francisco Xabier (A Coruña) con pouco máis de medio centenar de espectadores nas gradas.
O Asesoría Sueiro Xiria acadou o Campionato Territorial Xuvenil logo de derrotar ao Caixanova OAR na Coruña o pasado sábado, no derredeiro partido da Liga Territorial. Ambos conxuntos chegaban empatados a puntos e sen coñecer a derrota, sendo ao final o equipo de Marcos Trigo quen desfixera a igualdade nun encontro que dominou dende o pitido inicial.
O Asesoría Sueiro Xiria saíu á cancha moito mellor que o seu rival e pronto conseguiu adquirir unha renda de 2 e 3 goles que lle daba a confianza suficiente para afrontar o partido con tranquilidade. As boas intervencións de Guillín na portería e o acerto anotador de Joaquín en ataque bastaban aos carballeses para dominar no luminoso fronte a un impreciso OAR. No ecuador do primeiro acto o Asesoría Sueiro Xiria baixou as súas prestacións en ataque e as perdas de balón deron vida a un OAR que, con rápidos contraataques, conseguía empatar o partido. Pero pouco lle durou a ledicia aos locais xa que, na recta final da primeira parte, o equipo carballés conseguía volver a abrir un pequeno oco para chegar ao descanso con vantaxe de tres goles (10-13)
O Asesoria Sueiro Xiria saliu disposto a sentenciar o encontro no inicio da reanudación e conseguiuno. A vantaxe dos visitantes incrementábase paulatinamente nos primeiros minutos do segundo acto fronte a un OAR que acusaba en exceso as baixas e o cansanzo. Así, pronto chegou o equipo de Marcos Trigo a alcanzar unha diferenza de 7 goles que deixaba o encontro case visto para sentenza con case toda a segunda parte por xogar. Hai que destacar no Asesoría Sueiro Xiria a aportación dos dous porteiros, xa que Iago tamén estivo moi ben na segunda metade, e o recital anotador de Joaquín, autor de trece tantos. No bando local, Víctor asumiu o rol protagonista en ataque, chegando a marcar a metade dos goles do seu equipo.
Tanto Asesoría Sueiro Xiria como Caixanova OAR xogarán o Campionato Galego, para o que tamén están clasificados o Octavio, Cisne, Lavadores e Cangas.