CAIXANOVA OAR 27 – VIPECÓN XIRIA 24

Caixanova OAR: 27 (13+14): Dani, Jaime (2), Manuel (12), César (3), Gonzalo (5), Sergio (4), Ángel -equipo inicial- Miguel, Jorge, Julio, Rodrigo(1), Álvaro.

Vipecón Xiria 24 (10+14): Bisbi, David (10), Miguel (3), Rubén Gómez (3), Tucu (2), Javi, JorgeBouzas (4) –equipo inicial- JorgeViñas (1), Igor, Edu, Rubén Anes, Calvete, Martín (1), Luis.

Colexiado:Pablo León e Inocencio Pérez.

O pasado Domingo disputábase quizáis o partido máis atractivo que se pode ver na División de Honra en categoría cadete. Enfrontábanse na Coruña, o líder invicto, Caixanova OAR e o segundo clasificado, Vipecón Xiria, que se atopaba a tan só 4 puntos dos coruñeses. Dous verdadeiros equipazos con moito futuro nas súas filas auguraban que na pista coruñesa de San Francisco Xabier se ía poder ver un un bonito espectáculo. E a verdade foi que non defraudaron os moitos seguidores presentes nas bancadas.

Dende o inicio os dous equipos mostrábanse contundentes e intensos, moi competitivos, despregando un xogo rápido e vistoso en ataque, con moitas mostras de calidade e certa prudencia en tarefas defensivas. A primeira parte desenvolveuse con moita igualdade no marcador, practicamente con mínimas vantaxes, aínda que os carballeses, unha vez pasado o meridiano desta primeira metade, atopaban algunhas dificultades e espesura no seu ataque, de aí que estiveran varios minutos anclados no gol número 7. Un novo arreón non se fixo agardar, era un intercambio constante de golpes, e agora era o turno do Vipecón que deixaba o marcador aberto cara a reanudación co 13-10 que reflectía o electrónico no descanso.

A segunda parte foi vibrante e chea de tensión. Os visitantes saían a por todas e conseguían igualar o encontro en apenas 5 minutos (13-13), facendo estalar de xúbilo aos siareiros carballeses presentes nas bancadas. A partir dese momento, a igualdade primaba no electrónico e tan só certas imprecisións e erros non forzados do Xiria decantaban finalmente a balanza nos últimos minutos para un equipo coruñes que soubo xogar mellor os instantes decisivos e finais do partido.

Os de Carballo continuan na segunda posición da taboa e o vindeiro venres, 19 de marzo, disputarán unha auténtica final en Vigo fronte ao Octavio, que está a dous puntos do Vipecón pero con un encontro menos disputado. O equipo que se faga coa vitoria será, previsiblemente a falta de 3 partidos para rematar a liga, o equipo que se faga co subcampionato e acompañe ao OAR na disputa do Campionato de España. De aí que fagamos un chamamento dende o club para que os nosos siareiros, pais, amigos, familiares, etc… acudan en masa a animar aos rapaces para axudarlles a conseguir esa tan ansiada e merecida segunda posición.

Pero esta será unha dobre xornada xa que o domingo os carballeses reciben a visita do Lavadores vigués.