CAIXANOVA OAR 31 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 29

Caixanova OAR: 31 (16+15): Nacho, Manuel (7), Marcos (6), Alberto (5), Jesús (4),Cesar (3), Rubén (3) -equipo inicial- Jaime, Adrián, Juan, Miguel, Kevin(3).

Ifecgás Pereira Xiria: 29 (14+15): Igor, Martín, Iago (6), David (10), Miguel (5), Ricardo, Jorge (1) -equipo inicial- Alvarito (2), Joaquín (4), Mario (1).

Colexiado: José María García.

Partido aprazado pertencente á décima xornada de liga na División de Honra Xuvenil.

O Ifecgás Pereira Xiria fixo un excelente partido, na dificilísima cancha coruñesa de San Fracisco Xabier, contra un OAR chamado a estar nos postos máis altos da táboa clasificatoria. Sesenta minutos de máxima concentración, alta intensidade e un sobresaínte nivel competitivo en todos os seus homes fixeron posible que o equipo de Carballo estivera a piques de dar a sorpresa, tal e como fixera hai unha semana na pista do Atl. Novás.

Dende o primeiro momento o Ifecgás Pereira era capaz de seguir o ritmo trepidante que impoñían os locais, aínda que a diferenza no electrónico era sempre mínima a favor distos. As bancadas estaban a disfrutar de un espectáculo balonmanístico de altos vos e a igualdade no marcador, 16-14 no descanso, mantiña a tensión e deixaba as espadas en todo o alto cara a reanudación.

Na segunda metade, o encontro transcorreu polos mesmos derroteiros, alto ritmo de xogo, defensas contundentes e máxima igualdade no electrónico. Os de Xiria puxeron máis tensión nos minutos finais do partido, cando conseguían colocarse a tan só un gol de diferenza con trinta segundos por xogarse. Na defensa individual efectuada polos bergantiñáns, un xogador coruñes conseguía superar ao seu par e encarar con dez segundos escasos á portería rival para acadar un gol que deixa os dous puntos en xogo na cidade herculina.

O próximo encontro a disputar polo Ifecgás Pereira Xiria será despois do parón do nadal, concretamente a fin de semana do 16/01/11 en terras carballesas ante o potente equipo vigués do Octavio.