26/01/2008 CALFONCAL LAVADORES 31 – CALVO XIRIA 35
Calfoncal Lavadores (15+16) 31: Dani, Mario (8), Diego, Fran (1), Borja (3), Pablo (6) e Celso -equipo inicial- Chori, Juanma, Bruno (1), Luis, Suso, Isaac e Veiga (12).
Calvo Xiria (18+17) 35: Quique, Cuco (2), Bruno (1), Roberto (5), Cristophe (4), Pablo (12) e Fernando Vázquez (2) -equipo inicial- Iago, Alex (1), Sebastián (3), Chimpo (4), Pombo, Manuel e Jesús (1).
Árbitros: Rafael García e Fernando Eiras. Excesivamente rigorosos en varias fases do partido. Non influíron no marcador final.
O Calvo Xiria conseguiu o seu terceiro trunfo a domicilio da temporada ao impoñerse ao Calfoncal Lavadores en Vigo por 31 a 35.
O partido tivo un ritmo trepidante entre dous equipos aos que lles gusta correr e, de non ser pola gran actuación de Dani e Quique en ambas porterías, o marcador podería ter sido moito máis abultado. O equipo de Marcos Rodríguez foi mandando no marcador dende o primeiro minuto, con vantaxes de dous e tres goles que lle daban un plus de tranquilidade e confianza fronte a un rival sempre incómodo. Mediada a primeira metade vivíase unha das imaxes máis duras das últimas temporadas, coa grave lesión do local Celso. O xuvenil de Lavadores, logo de intentar un lanzamento, caía mal e fracturábase tibia e peroné, ademáis de romper a base do peroné e os dous ligamentos. Imaxes terribles as que se viviron no Pavillón de Lavadores e moi mala sorte para Celso, que deberá afrontar agora un longo período de recuperación. O xogo tivo que estar parado durante varios minutos e reanudouse en medio da desolación do pavillón olívico. Logo do xerro de auga fría que supuxo a lesión do xogador local, os dous equipos retomaron o xogo e seguiron a imprimir un elevado ritmo. No intercambio de golpes, o Calvo Xiria soubo aguantar os intentos de achegarse no marcador do Lavadores e chegou ao descanso cunha renda de tres goles (15-18).
O partido seguiu polos mesmos derroteiros na reanudación, sempre co Calvo Xiria mandando no electrónico. Así foi ate o ecuador do segundo acto no que o Lavadores, aproveitando un par de exclusións do Calvo Xiria, chegou a empatar o partido. O equipo de Marcos Rodríguez soubo manter a cabeza fría e non tardou en retomar o mando para, nos últimos minutos, manter unha cómoda renda que lle fixo acreedor á victoria final. No bando carballés, Pablo fixo pleno de lanzamentos desde os sete metros (7 de 7) e, con doce goles, erixiuse na figura do Xiria na faceta atacante. No bando visitante, o lateral Veiga foi quen tamén de anotar 12 goles, aínda que resultarían insuficientes para os intereses do Lavadores. As numerosas exclusións que se sinalizaron no partido (9 para cada equipo) engadiron un plus de emoción ao mesmo, se ben moitas delas foron excesivamente rigorosas. A victoria do Calvo Xiria, unido ao empate do Rasoeiro, pérmítelle ao conxunto carballés encaramarse á terceira praza da clasificación. As diferenzas cos dous primeiros clasificados, pese a todo, mantéñense en 7 e 10 puntos.
Dende o club carballés desexámoslle a Celso unha pronta e satisfactoria recuperación.