XORNADA 20
17/03/2013
Ifecgás Pereira Xiria: 47 (23+24): Zúpez, Jorge (10), Julián (6), Javi (2), Anes (6), Alberto (3), Calvete (3) -equipo inicial- José (3), Fidi, Edu (4), Rubén (6), Iván (1), Álex (1), Óscar (2).
Bueu Atl: 31 (14+17): Darío, Iglésias (6), Aguete (4), Castro (8), Piñeiro (3), Miguel, Alberto (8) -equipo inicial- Villegas, Pedro (2), Martín, Julián, Ángel.
Colexiadas: Tatiana González e Soraya Abelenda.
Bo resultado e mal encontro o disputado o pasado domingo no Vila de Noia de Carballo entre o Ifecgás Pereira e o Bueu. Os locais puxeron de manifesto a súa superioridade para seguir coliderando a táboa clasificatoria a falta de dúas xornadas para rematar o campionato, pero o xogo mostrado polos bergantiñáns foi moi deficitario en canto ao aspecto competitivo.
Tardaron vinte minutos en entrar no partido os xuvenís de Xiria e isto aproveitouno o conxunto de Bueu para adiantarse, de forma sorprendente, no meridiano desta parte (9-10). Sen chegar a facer un xogo excelso, foron suficientes dez minutos de intensidade defensiva e velocidade no contragolpe para romper o encontro cun parcial de 9-3 para os de casa. As sensacións melloraban no momento máis oportuno, xusto cando o asubío das colexiadas anunciaba o camiño dos vestiarios.Os equipos, retirábanse coa máxima renda acadada polos carballeses e que daba por rematado o envite (23-14).
A reanudación foi de trámite e tan só mantiña a incerteza do resultado o avultado que sería o marcador final. As defensas superaban claramente aos ataques e os bergantiñáns amosábanse, nesta ocasión, moi brandos, nada que ver coa intensidade que se lle presupón ao conxunto menos goleado da liga. O 47-31 final mantén a liga nun puño, con Ifecgas Pereira e Balonmán Lalín loitando polo título de campión galego a falta de dúas xornadas para o remate.
Na próxima xornada, o Ifecgás Pereira viaxará ata A Coruña para disputar o derbi provincial na difícil pista do OAR.
