CALVO XIRIA 25 – CALFONCAL LAVADORES 24

13/10/2007 CALVO XIRIA 25 – CALFONCAL LAVADORES 24
Calvo Xiria (15+10) 25: Quique, Cristophe (3), Cuco (1), Roberto (5), Alex, Bruno (2) e Dubra (3) -equipo inicial- Iago, Pablo (5), Chimpo, Sebastián (2), Pombo (1), Jesús (3) e Manuel.

Calfoncal Lavadores (11+13) 24: Dani, Mario (7), Fernando José (1), Bruno (1), Diego Pérez (2), Alejandro Veiga (5) e Borja (1) -equipo inicial – Pablo, Isaac (2), Alejandro Febrero (2), Diego García, Celso (3) e Jesús.
Árbitros: José Carlos Fernández e Daniel Lago. Ben. Non influiron no resultado final.

O Calvo Xiria conseguiu a primeira victoria en liga fronte ao Calfoncal Lavadores, en encontro pertencente á terceira xornada da Primeira Autonómica. Tres partidos tivo que esperar o Xiria para sumar os dous primeiros puntos da temporada, nun encontro de constantes alternativas pero no que o equipo de Marcos Rodríguez foi mandando case todo o tempo. Só o final, e como ven sendo habitual, se complicou o conxunto carballés fronte a un rival que non deu o choque por perdido en ningún momento.

Logo dos primeiros compases de tanteo –e de constantes alternativas- o Calvo Xiria foi pouco a pouco impoñendo o seu estilo e conseguindo pequenas vantaxes que facían máis levadeiro o choque para os xogadores carballeses. A velocidade nas accións de ataque, o paulatino asentamento da defensa 6-0 e o acerto de Quique na portería bastábanlle ó equipo de Marcos Rodríguez para levar o partido de cara con certa tranquilidade. As pequenas vantaxes adquiridas a partir do ecuador do primeiro tempo foron agrandándose ata chegar ós catro goles que refrectía o marcador ó descanso (15-11). Foi cando o Calvo Xiria comezou a atacar mellor a aberta defensa olívica, e na que os movementos sen balón se antoxaban cruciais para irse no luminoso. E a vantaxe puido ser maior de non ser pola decena de acertadas intervencións que Dani facía na portería do conxunto vigués. Foi o que deu de si unha rápida primeira parte que pasou voando, tamén condicionada porque o xogo apenas se detivo (os árbitros só pitaron unha exclusión nos primeiros trinta minutos).

A segunda parte, agás os últimos sete minutos, foi moi tranquila para o Calvo Xiria. O equipo de Marcos Rodríguez, aínda sen estar tan atinado como no primeiro acto, soubo conservar a vantaxe e moverse en rendas de tres a cinco goles que lle daban ese plus de tranquilidade tan necesario en choques precedentes. O continuo intercambio de golpes favorecía os intereses do equipo carballés, que vía como os minutos ían pasando sen pasar agobios no marcador. E todo transcorría con normalidade ata os útimos sete minutos. Tres exclusións seguidas dos xogadores locais otorgaron unha clara vantaxe ao Lavadores, que non perdeu a ocasión de achegarse no marcador. Do 24-19 que sinalaba o electrónico a falta de sete minutos e medio, pasábase ó 24-22 a falta de tres minutos, situación que facía acender as luces de alarma no seno do conxunto local. Foi entón cando volveu a aparecer Quique baixo paos para permitir que o Calvo Xiria conservara a súa vantaxe. O porteiro carballés detivo un penalti crucial a Mario Alonso que botou por terra as esperanzas de remontada dos olívicos, ademáis doutras intervencións de mérito que foron claves no desenlace do partido. O Lavadores conseguiu achegarse a un tanto ó remate do choque, pero xa non quedaba tempo nin para intentar empatar o partido. A traballada victoria dos de Marcos Rodríguez debe dar tranquilidade para que o Calvo Xiria, en sete días, consiga a primeira victoria a domicilio da temporada na sempre complicada pista do Lalín.