CALVO XIRIA 25 – FRIGORÍFICOS MORRAZO CANGAS 37
COPA GALICIA – CUARTOS DE FINAL 30/10/2010 CALVO XIRIA 25 – FRIGORÍFICOS MORRAZO CANGAS 37 Calvo Xiria 25 (9+16): Iago [p, 6 pdas], Ramón (3), Borja, Pablo (7/ 2 de…
COPA GALICIA – CUARTOS DE FINAL
30/10/2010 CALVO XIRIA 25 – FRIGORÍFICOS MORRAZO CANGAS 37
Calvo Xiria 25 (9+16): Iago [p, 6 pdas], Ramón (3), Borja, Pablo (7/ 2 de 7m), Manu (2), Jesús, Álex Zas (1) –equipo inicial- Naya [p, 2 pdas], Dubra (1), Christophe (1), Suso (3), Ángel (2), Fer (2), Brais (1), Iago Lavandeira (1/ 1 de 7m) e Kike (1) [p, 9 pdas].
Frigoríficos Morrazo Cangas 37 (17+20): Kevin [p, 15 pdas/ 2 de 7m], Serafín Pousada (1), Hugo Rodríguez (4), Rubén Soliño (2), Doder (2), Fernando Eijo (3), Toni Ugalde (5) –equipo inicial- Santana [p, 4 pdas], Suso Soliño (3), Pablo Sánchez (3), Nelson Espino (8), Adrián Rosales (2), David García (4) e Manuel Cordeiro.
Colexiados: Pedro Eiras e Sergio Rodríguez (Federación Territorial Galega). Excluíron a Ramón (min 43) e Brais (min 51) por parte local e a Cordeiro (min 23 e 51), Rosales (min 25), Eijo (min 26 e 34) e Espino (min 46 e 54) por parte visitante.
Parciais cada cinco minutos: 1-1, 1-6, 3-9, 5-11, 8-14, 9-17 (descanso), 11-19, 14-23, 17-26, 20-28, 22-32 e 25-37 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 3 / 5 # # # Frigoríficos Morrazo Cangas: 0 / 0
Arredor de 300 espectadores -a mellor entrada no que vai de campaña- puideron contemplar as evolucións do segundo choque da Copa Galicia. O encontro pertencente aos cuartos de final enfrontaba ao Calvo Xiria co Frigoríficos do Morrazo Cangas, un equipo de enorme potencial que milita na División de Honra Prata e que esta temporada pretende recuperar o posto recentemente perdido na Liga ASOBAL. Como era de esperar, os homes de Víctor García “Pillo” non fixeron ningún tipo de concesións e superaron comodamente a eliminatoria clasificándose para a rolda definitiva cuxos encontros de semifinais e final disputaranse na segunda fin de semana do vindeiro mes de xaneiro.
Como xa ben anunciara o adestrador local, Marcos Rodríguez, tratábase dun partido para gozar e no que os xuvenís, que están traballando formidablemente nas sesións de adestramento, ían ter os seus primeiros minutos co primeiro equipo.
O Calvo Xiria saíu con decisión e axiña fabricou unha clarísima ocasión que foi convertida de forma implacable por Ramón. A defensa que contaba coas notables ausencias de Cuco e Álex García pechábase ben e tras un bloqueo e a parada posterior de Iago abortaron o primeiro ataque visitante. Tardaron os do Morrazo tres minutos e medio en marcar o primeiro (1-1), gol que conseguiron despois dunha boa intervención do seu gardameta. Tras boa circulación Pablo lanza á base do poste e os visitantes recuperan o balón aínda que desperdician o seu ataque cunha vaselina que se vai fóra. O Xiria, mercé a un castigo de sete metros, dispón dunha segunda oportunidade para poñerse por diante pero o acertado meta Kevin consegue desbaratar o lanzamento. Deseguido Eijo anota para os visitantes, era o minuto seis e o electrónico amosaba un 1-2. Tras unha infortunada perda de balón dos locais, os de Cangas anotan con facilidade (1-3) e a partir de aquí o partido vai cambiar totalmente. O Calvo Xiria xa non é quen de atopar ocos na defensa rival e grazas á espectacular actuación do gardameta Kevin e a facilidade anotadora dos visitantes as diferenzas no marcador vanse ampliando irremisiblemente. Así no minuto dezaoito a desvantaxe local xa é de sete goles (3-10). Eran momentos nos que cabe destacar o debut dos xuvenís Brais, en tarefas defensivas, e de Iago Lavandeira no posto de central. Seguiu unha fase na que os rapaces de Marcos Rodríguez recuperaron un pouco o seu ton habitual e conseguiron evitar que a distancia non se estirase máis, chegando incluso a reducila a cinco (7-12, no minuto vinte e tres). Mais xa no tramo final deste acto, mentres o Xiria anotaba un só gol por mediación de Fer, o lateral cangués Nelson Espino con catro tremendos lategazos exteriores establecía o 9-17 co que se chegou ao descanso.
Tras o paso por vestiarios o Xiria continuou coas vacilacións e desacertos en ataque chegándose ao minuto trinta e seis cunha desvantaxe de 9 goles (12-21). Tan só Suso pola ala dereita e Pablo desde a raia conseguiron anotar. Foi nese minuto cando o meta Naya que entrara no campo pouco antes do descanso, era relevado por Kike e recibía os aplausos do público despois de saborear a súas primeiras paradas como sénior en competición oficial. Cun Xiria xa desinhibido e cos nervios aparcados chegaron os mellores momentos do evento, os carballeses xogaron o seu habitual balonmán e puidemos ver os estilosos tiros de Ángel, as bravísimas penetracións de Manu ou a maxia e as sorprendentes anotacións de Pablo. No minuto cincuenta e un a diferenza estaba rebaixada nun gol, o Cangas vencía por 21-29. Deste xeito o tempo foi pasando e os carballeses comezaron a pagar o seu tremendo esforzo; así, a falta de catro minutos, os visitantes que tiñan a David García e a Nelson Espino -formidable no lanzamento exterior- como principais artilleiros, aumentaron de novo a vantaxe (24-34). Neses intres, por parte local, mereceron especial destaque un gol do xuvenil Brais –primeiro en competición sénior- e outro do meta Kike moi aplaudidos polos seareiros. Xa nos “minutos do lixo” os visitantes selaron un parcial de 0-4 chegándose así aos derradeiros instantes dun choque que pechou Iago Lavandeira desde a raía de máximo castigo, conseguindo desta forma o seu primeiro gol oficial co primeiro equipo. Tras o definitivo toque de bucina o electrónico amosaba un amplo e esclarecedor 25-37 que clasificaba aos do Morrazo.
O vindeiro sábado regresa a Liga de Primeira Estatal e o Calvo Xiria debe render visita ao barrio vigués de Lavadores onde o espera o Cinco Jotas, un equipo de novo cuño na categoría que actualmente ocupa a sétima praza con cinco puntos, dous menos que os carballeses que son quintos.