Calvo Xiria 25 – Seis do Nadal 21

Crónica do Calvo Xiria 25 – Seis do Nadal 21
Manuel Rey / 2 Decembro 2013
Calvo Xiria 25 (11+14): Iago [p], Ramón (3), Sergio (4), Chimpo (1), Javier, Manuel (4), Pablo (8) -equipo inicial- Martín G.[p], Calvete, Brais (2), Rubén, Martín A., Alex Zas (3), Jorge.
Magope Seis do Nadal 21 (11+10): Iago [p], Iván, Alexandre (6), Abraham (5), Freijeiro (1), Rey (1), Escudero (2)– equipo inicial – Boullosa [p], Guille (2), Roberto, Piñeiro, Nacho (3), Denis (1), David.

Colexiados: Yonatan Lázaro Villegas e David Portugal Alonso do colexio castelán leonés. Excluíron aos xogadores locais Sergio (41´) e Brais (46´ e 56´). Polo bando visitante a Iván (28´), Roberto (36´), Denis (51´), e amosaron cartón vermello directo a Escudero (42´).

Marcador: 1-2, 3-2, 6-5, 9-7, 11-11, 11-11 (descanso); 14-11, 15-12, 19-13, 21-15, 24-17, 25-21 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 3 / 3 ; Magope Seis do Nadal: 4 / 6

O partido comezou con escasa presenza de público nas bancadas, pero co paso dos minutos máis de 300 seareiros animaron aos seus nunha fría tarde. Chegaba a Carballo un dos equipos que se atopa na parte alta da táboa clasificatoria e que, por suposto, tiña coma obxectivo acurtar a distancia que os separa da segunda posición que ostentan os carballeses. Pola contra o Calvo tiña nesta xornada o desexo de esquecer o mal partido disputado en Pontevedra o pasado domingo e no que se deixou un punto que doeu moito na plantilla verdibranca.
Os primeiros trinta minutos amosaron a dous equipos que pelexan polos primeiros postos empregándose a fondo na defensa, cada un cun sistema distinto no seu esquema pero igual na súa posta en escena: moita intensidade e concentración e como non podía ser doutro xeito unha aportación moi positiva na portería. Os ataques eran pouco fluídos ante defensas que ían sempre un paso por diante, con moita anticipación e axudas, e nas poucas veces que o balón chegaba con comodidade ao lanzador os porteiros impedían que os goles subisen ao marcador cunha cadencia maior. As perdas de balón eran similares por parte duns e outros, mais cun balance defensivo importante impedían os goles en contraataque. Trinta minutos que remataron cun parcial de empate a 11 e que deixaba aberto a calquera resultado o partido, iso si, con moitísima emoción por diante.
Pero logo do tempo de lecer o Calvo Xiria amosou un gran xogo durante quince minutos que foron vitais para o desenlace final. Moitísimo traballo en defensa e unha maior nitidez en ataque foron claves para acadar un parcial de 8 a 2 que lle poñía unha clara cor verde ao resultado do encontro.
A partir dese intre o Calvo foi manexando a súa vantaxe e só a relaxación nos derradeiros cinco minutos permitiu aos vigueses maquillar o marcador para deixalo nun 25-21, o que unido á derrota do Luceros deixa aos carballeses sos na segunda posición. O seu rival na vindeira xornada será precisamento o Luceros-Cangas, ao que se enfrontará ás 12:30 do domingo día 8 de decembro no pavillón do Gatañal.