CALVO XIRIA 27 – EMBUTIDOS LALINENSE BM. LALÍN 28
1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 4 09/10/2010 CALVO XIRIA 27 – EMBUTIDOS LALINENSE BM. LALÍN 28 Calvo Xiria 27 (13+14): Iago [p, 10 pdas/ 1 de 7m], Cuco (2), Álex…
1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 4
09/10/2010 CALVO XIRIA 27 – EMBUTIDOS LALINENSE BM. LALÍN 28
Calvo Xiria 27 (13+14): Iago [p, 10 pdas/ 1 de 7m], Cuco (2), Álex García, Manu (4), Ángel (1), Jesús (1), Álex Zas (3) –equipo inicial- Kike [p, 4 pdas], Pablo (10), Ramón, Christophe, Dubra (4), Fer (2) e Borja.
Embutidos Lalinense Bm Lalín 28 (15+13): Durán [p, 11 pdas] (1), Pincho (6), Josiño (1), Diego (1), Marco (2), Porto (6), Bruno (1) –equipo inicial- Ivi [p], Lazara (2), Crespo (2), Roberto (4), Martín (1), Rubén e Granja (1).
Colexiados: Portela e Mondelo (Galegos). Excluíron a Christophe (min16), Manu (min 19), Fer (min 20), Cuco (32), Jesús (min 44) e Álex García (min 47) no equipo local. Tamén sufriron sanción de exclusión os visitantes Bruno (min 12), Rubén (min 22) e Josiño (min 49).
Parciais cada cinco minutos: 3-4; 5-7; 7-9; 8-11; 10-14; 13-15 (descanso); 16-17; 18-20; 19-21; 23-22; 26-25; 27-28 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 0 / 0 # # # Embutidos Lalinense Bm Lalín: 1 / 2
Nun encontro trepidante, igualado e competido; o Calvo Xiria caeu no “Pavillón Vila de Noia” ante o Embutidos Lalinense Bm. Lalín por un apertado 27-28. O evento pertencía á cuarta xornada de liga na PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL, categoría na que o equipo carballés cede un posto na clasificación, e agora pasa a ocupar a sétima praza.
Nos compases iniciais xa se puido apreciar que este partido ía resultar moi disputado. Ambos equipos movían o balón con velocidade e as ocasións de gol producíanse continuamente nunha e noutra portería. Co espectáculo así servido, o Xiria conseguiu neutralizar as dúas primeiras vantaxes visitantes, pero tras unha boa intervención do meta Durán, o Embutidos Lalinense colócase cun favorable 2-4 ao cumprirse o cuarto minuto de xogo. A reacción no tardou en chegar e nun escaso marxe de tempo os rapaces de Marcos Rodríguez dan a volta ao marcador e xa cun 5-4 favorable, Iago baixo os paus da portería local, desbarata por dúas veces a ofensiva rival concedendo ao seu equipo a posibilidade de aumentar esa mínima vantaxe. A defensa dos do Deza, xa máis asentada, consegue bloquear o balón propiciando unha contra que Iago tenta frear saíndo da área; pero, para desgraza dos locais a situación é maxistralmente aproveitada polo outro gardameta que marca de portería a portería. A desafortunada xogada, que ocorría no minuto sete e medio, descompuxo por completo ao equipo carballés que viu como o rival cun balonmán de moitos quilates se escapaba no electrónico. Con Pincho e Porto inspiradísimos en ataque, o Lalín alcanza unha renda de catro goles (7-11) no minuto dezaoito; unha diferenza que aumenta ata seis (8-14) aproveitándose dunha dobre exclusión, que deixa aos da casa con tan só cinco xogadores en pista. No minuto vinte e tres cun formidable lategazo de Pablo (que ao cabo converteuse no mellor xogador do evento) comeza unha nova e impresionante reacción que borra literalmente do escenario ao equipo visitante. A defensa local cunha intensidade encomiable anula por completo aos artilleiros dezanos e a velocidade nos ataques permítelles colocarse a un gol (13-14) no minuto vinte e oito. O Calvo Xiria ten aínda dúas oportunidades para empatar, pero na última, a escasos vinte segundos do descanso, o balón é desviado en bloqueo pola defensa e o meta Durán consegue atallalo, pero fóra da pista. A decisión arbitral sinalando saque de meta, privou aos locais dunha derradeira opción de empate e propiciou un novo gol dos visitantes que anotou Roberto a escasos segundos de escoitarse a bucina. Os xogadores retíranse así aos vestiarios cun 13-15 lucindo no taboleiro de marcas.
Ao pouco de iniciarse o segundo período, con goles de Pablo e Dubra iguálase de novo a contenda (15-15). O Lalín escapa de dous e novamente empata o Xiria. Así, superado o minuto cinco, un 17-17 campa no luminoso. Volven adiantarse os visitantes por mediación de Roberto e novamente o ex-xogador do Xiria marca nunha contra que debeu ser anulada por pasos e exclusión do defensor local que entorpeceu a xogada. Durán, que asinou un bo encontro, seguía acertado axudando ao seu equipo que no minuto corenta e un volvía marcar e marchábase de tres (18-21).Dúas paradas consecutivas de Kike, o porteiro local no segundo tempo, propician unha vez máis outra reacción dos carballeses, que a pesar de xogar dous minutos en inferioridade tras outra polémica decisión arbitral, conseguen remontar e no minuto corenta e nove cunha contra de Dubra póñense dous arriba (23-21). O final achegábase e os nervios cada vez eran maiores. O marcador seguía facendo a goma, pois o Lalín recupérase e retoma o mando (23-25) para deseguido ceder e chegarse ao minuto vinte e cinco con 26-25 favorable aos locais. As precipitacións son constantes nun e noutro equipo, con todo a veteranía dos visitantes vailles permitir sacar maior proveito dos lances finais. Tras poñerse outra vez arriba con 26-27 aproveitan un novo agasallo arbitral que escamotea un clarísimo castigo desde os sete metros favorable ao Xiria e Pincho tras un ataque interminable (no que se debeu sinalar pasivo) anota o case definitivo 26-28. Pablo, xa con sorte, reduciu vantaxes e os visitantes conseguiron conservar a posesión do balón os trinta segundos finais tras dúas máis que polémicas decisións dos colexiados. Cun tremendo abouxeo dedicado á parella arbitral concluíu este partido no que o Calvo Xiria caeu por un inmerecido 27-28.
A vindeira semana toca desprazamento a terras castelano-leonesas. O rival será o Inzamac Zamora, un equipo novo no “Grupo A” que actualmente conta cun punto menos que nós na táboa clasificatoria.