Crónica do Calvo Xiria 27-SAR 19
Manuel Rey / 18 Decembro 2013
CALVO XIRIA 27 – SAR PLASTIC OMNIUM 19
Calvo Xiria 27 (17+10): Iago [p], Ramón (1), Sergio (1), Martín (2), Javier (2), Manuel (3), Pablo (6) -equipo inicial- Zúpez [p], Calvete (2), Brais (2), Rubén (1), Chimpo (4), Alex Zas (3), Jorge.
SAR Plastic Omnium 19 (9+10): Marcos [p], Conde, Damián (1), Guta (3), Héctor (3), Manu Rey (2), Ferre (2)– equipo inicial – Popi [p], Brais, Tito (3), Imanol (1), André, Samu, Bruno (4).
Colexiados: Juan C. González Mazorras e Luis Alberto Ramos Mardones do colexio cántabro. Excluíron aos xogadores locais Ramón (4´ e 31´), Sergio (43´) e Calvete (53´). Polo bando visitante a Ferre (7´), Damián (27´), Héctor (51´), Samu (52´e 58´).
Marcador: 4-2, 5-3, 9-4, 11-6, 14-8, 17-9 (descanso); 18-10, 20-12, 22-13, 24-15, 27-16, 27-19 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 3 / 4 ### SAR Plastic Omnium: 4 / 7
LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 13
14/12/2013
Os seareiros carballeses fóronse achegando pouco a pouco ao Municipal Vila de Noia ata chegar a ser preto de 250.
Remataba a primeira volta para o Calvo Xiria na 1ª Estatal e o facía na súa casa ante o SAR de Redondela, un vello coñecido da afección carballesa que ascendía este ano de novo á categoría de bronce do balonmán español e que transita pola zona media da táboa clasificatoria. O partido durou trinta minutos, os que tardou o conxunto local en acadar una diferenza de oito goles e deixar moi costa arriba a remontada para os redondeláns.
Os primeiros minutos foron de toma de contacto, con dous equipos un pouco fríos no inicio pero que a pouco que o balón se puxo en xogo, comezaron a amosar as súas respectivas armas. Nese intercambio foi o Calvo o que colleu vantaxe, amosándose con máis continuidade no seu xogo, tanto ofensivo coma defensivo. Durante os primeiros trinta minutos aproveitou á perfección os erros que cometeron os visitantes para ir abrindo unha diferenza, que xa sería definitiva. A seriedade en cada unha das accións locais deixou ben ás claras as gañas que tiñan os xogadores carballeses de borrar a decepción da derrota sufrida en terras pontevedresas a pasada xornada.
O partido converteuse pouco a pouco nunha festa para os seareiros carballeses, que tiñan desta volta unha dobre cita co balonmán, xa que logo de rematar o Calvo Xiria o seu partido disputaban as rapazas do Goldie Xiria a súa xornada ligueira. E co a asubío final párase unha competición na que o conxunto carballés está a acadar moi bos resultados e na que se mantén no máis alto da táboa clasificatoria. Agora, por mor do parón de Nadal, os verdibrancos seguirán cos adestramentos, máis non haberá competición ata o 11 de Xaneiro.