IFECGÁS PEREIRA XIRIA 41 – CISNE BM. 30

XORNADA 18

03/03/2013

Ifecgás Pereira Xiria: 41 (18+23): Zúpez, Rubén Anes (3), Julián (2), Javi (12), Alberto (3), Calvete (1), Jorge (7) -equipo inicial- Edu, Óscar (1), Buño, José (2), Iván (6), Enrique (1), Rubén Gómez (3) .

Cisne Bm.: 30 (16+14): Juan, Barreiro (4), Pazos (5), Moreira (5), Vidal (2), Fernández (4), Hermida (4) -equipo inicial- Justo, Conde, Crue, Rodríguez (3), Calviño (3).

Colexiados: Fernando Eiras e Alberto Fernández.

Outro encontro vital para os do Xiria no seu empeño de seguir o pulso ao Balonmán Lalín na primeira posición da táboa clasificatoria. Nesta ocasión, o Cisne visitaba Carballo, un equipo de moita envergadura e con grandes lanzadores na súa primeira liña, que, a pesar do posto que ocupa na clasificación (antepenúltimo con seis puntos) atesoura moita máis calidade nas súas filas da que fai supoñer este dato. O propio Ifecgas Pereira xa sufrira para levarse o trunfo na primeira volta na pista pontevedresa do CGTD, naquela ocasión foran dous puntos moi traballados que só se puideron conseguir nos últimos minutos (25-29).

Os de Xiria comezaban o encontro cunha defensa contundente e de moi alta intensidade, pero despois non eran quen de concretar no lanzamento final as transicións e estrelábanse unha e outra vez contra o porteiro visitante, cando non perdían o balón por erros non forzados no contraataque. Estes primeiros minutos erráticos ofreceron aos da cidade do Lérez o tempo suficiente para que quentaran motores e encontraran o seu mellor xogo a partir do minuto dez. Foi dende este momento ata o vinte cando o Cisne conseguía superar a retagarda bergantiñá de maneira sucesiva, desarborando o entramado defensivo para conseguir un parcial de 5-6 ao seu favor. 18-16 no descanso e moitas dúbidas que os de Xiria deberían despexar no segundo acto. Os vinte e tres erros de lanzamento dos carballeses antóllabanse demasiados e había certo temor a que este feito pasase factura na reanudación.

Comezaba a segunda parte e o Ifecgas Pereira parecía outro equipo completamente diferente. A concentración e atención defensiva, así como a intensidade estaban a ser moito máis altas. Sucedíanse as recuperacións e interceptacións de balón e os erros continuados dos visitantes debido a defensa infatigable dos de Carballo. A maior diferencia era que agora si que estaban atinados os de Xiria nos contragolpes e no un contra o porteiro, desta forma establecíase un parcial nos primeiro dez minutos deste segundo acto que deixaba o partido moi de cara para os carballeses (10-4). A puntilla viña dende o minuto dez ao vinte, cando os locais conseguían un novo parcial de 7-2 que xa mataba o encontro e facía posible que os últimos minutos do choque fosen pracidos para o Ifecgás Pereira.

A vindeira fin de semana o Ifecgás Pereira Xiria terá que disputar un partido moi complicado en Cangas contra un dos rivais máis duros da categoría e que ocupa o sexto posto da clasificación a nove puntos do Xiria. De novo, faise vital a vitoria para seguir na loita polo título a falta de cinco xornadas para o remate da liga.