CALVO XIRIA 28 – CAFÉS TOSCAF 27

1º DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 2

25/09/2010 CALVO XIRIA 28 – CAFÉS TOSCAF 27
Calvo Xiria 28 (13+15): Iago [p, 11 pdas/1 de 7m], Borja, Pablo (9/ 3 de 7m), Álex García, Manu (3), Jesús (1), Álex Zas (5) -equipo inicial- Kike [p, 8 pdas], Christophe (2), Ramón, Dubra, Suso (1), Ángel (6) e Cuco (1).
Cafés Toscaf 27 (14+13): De las Heras [p, 12 pdas/ 1 de 7m], Fidalgo (2), Conlledo (2 /2 de 7m), Agundo (5), Camilo (3), Silverio (1), Jonhy (1) -equipo inicial- Isaac [p, 1 pda], Kiko (2), Prieto (2/ 1 de 7m), Jorge Suárez (2), Mantaras (4), Wally (3) e Samuel.
Colexiadas: Carla Diz Sierpes e Tatiana González Carvallo (ambas do Colexio Galego). Excluíron por dous minutos aos locais Ramón (min 18 e 43), Cuco (min 25), Álex García (min 36 e 42) e ao adestrador Marcos Rodríguez (min 56). Tamén sufriron sanción de exclusión os visitantes De las Heras (min 27), Jonhy (min 32), Jorge Suárez (min 53) e David Prieto (min 55).
Parciais cada cinco minutos: 3-2; 3-4; 3-6; 5-7; 8-10; 13-14; (descanso) 17-17; 18-20; 20-24; 23-26; 25-26; 28-27 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 3 / 4 # # # Cafés Toscaf: 3 / 4
En encontro pertencente á segunda xornada da 1ª División Estatal de balonmán o Calvo Xiria debutou ante a súa afección cunha agónica vitoria por 28-27 sobre o equipo avilesino do Cafés Toscaf.

Comezou o Calvo Xiria poñendo o balón en xogo e axiña xerou unha boa oportunidade que foi desbaratada polo pé do gardameta visitante. Os avilesinos non desaproveitaron a ocasión e conseguiron inaugurar o marcador pouco despois de superarse o minuto e medio de encontro. Pablo, dende a raia de máximo castigo, anotou o primeiro dos locais e, trás un intercambio de goles e unha boa intervención de Iago baixo paus, o elegante central carballés repetía un novo lanzamento dende os sete metros que adiantaba ao seu equipo. O gol, que significaba o 3-2, subiu ao marcador xusto cando se completaba o primeiro “crono-parcial”. Os de Avilés, cun polivalente Silverio repartindo xogo, axiña igualan o partido e despois de que o Calvo desaproveitase tres ocasións nun mesmo ataque retoman o mando e colócanse un arriba (3-4). Seguen cinco minutos de seca goleadora total. As zagas dos dous equipos, cos seus homes máis altos no centro, defendían con garra e cando os atacantes atopaban algún oco, ambos os dous porteiros con espectaculares e repetidas intervencións conseguían manter a súa meta a cero. No minuto doce o zurdo xogador Edu Conlledo desde os sete metros e seguidamente o extremo Javi Agundo no trece, rachaban esta dinámica para o seu equipo. O Xiria tardou máis de dez minutos en espantar o meigallo e só mediado este primeiro acto, Álex Zas conseguía perforar novamente a meta defendida por un acertado De las Heras. Tras esta atípica fase do partido na que os locais puideron saír descalabrados, o marcador só amosaba unha desvantaxe de dous goles (4-6). Pouco a pouco o Xiria foise entoando e desprazaba o coiro con maior rapidez e sentido. Tamén conseguía ver porta con maior facilidade, mais con todo os cafeteiros eran quen de manter vantaxes de dous ou tres goles e no minuto vinte e seis gañaban por 9-12. Só nos instantes finais os rapaces de Marcos Rodríguez aproveitaron un baixón dos visitantes para lograr empatar (13-13) a un minuto do descanso. Un gol de Wally faltando doce segundos permitiu aos de Avilés retirarse aos vestiarios con vantaxe (13-14).

No segundo período, a pesar de que os de Juanín García anotaron a súa primeira posesión, axiña Ángel se encargou de devolver o empate ao luminoso con dous goles consecutivos. Os visitantes volveron escapar de dous pero chegados ao minuto trinta e cinco o Calvo Xiria de novo iguala a contenda (17-17). Tras recuperar o balón por pé dun rival os carballeses teñen a opción de poñerse por diante porén desaproveitan a ocasión. A partir de aquí comezan a ter serios problemas. Os longos brazos dos laterais avilesinos conseguen cortar varios balóns que lles proporcionan contras letais. O Xiria no pode superar a férrea defensa rival e para colmo de males, Kike, que ocupaba a portería local neste segundo acto, víase superado unha e outra vez polos artilleiros do Toscaf. Así con esta tónica vaise consumindo o tempo e no minuto corenta e dous os visitantes xa tiñan unha substancial vantaxe de cinco goles (18-23), unha diferenza que conservan no ecuador do acto (20-25). Con todo a favor de obra para os asturianos e cando ninguén daba nin medio euro polo Xiria, de súpeto, aparece a figura de Kike, que comeza a paralo todo. A grada non se cansa de esporear aos seus e o equipo vense arriba e empeza a recortar diferenzas. A falta de cinco minutos un Ángel, impresionante, anota o seu sexto gol particular e coloca ao Xiria a tan só un de distancia (25-26). O ruído vólvese atronador no pavillón da zona escolar, pero o empate non dá chegado. Isaac, que acababa de relevar a de las Heras, aborta unha contra. Kike segue parando, e por fin, o máximo goleador do evento, Pablo, dende os sete metros sobe o empate ao marcador (26-26). Faltaban dous minutos para o remate e Kike, coa súa sétima parada consecutiva, brinda unha nova oportunidade que o novel Álex Zas transforma con calidade. O nerviosismo flotaba no ambiente, pero con pulso firme Jorge Suárez empata para os de Avilés a escasos vinte e cinco segundos do final. Marcos deposita a tarxeta verde na mesa para preparar a derradeira xogada. Non se sabe moi ben o que pasou, pero felizmente o balón chegou ás mans de Manu que con coraxe penetrou entre os defensores rivais e conseguiu bater a Isaac de tiro cruzado. Xa non houbo tempo para máis e tras o bucinazo final o luminoso sinalaba un 28-27 favorable aos da casa.

Dous puntos de ouro que lle valerán ao Calvo Xiria para afrontar con máis tranquilidade o derbi provincial que se disputará a vindeira semana na cancha do veciño OAR Coruña.