O.A.R. CORUÑA 25 – CALVO XIRIA 32

1º DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 3

02/10/2010 O.A.R. CORUÑA 25 – CALVO XIRIA 32
O.A.R. Coruña 25 (13+12): Cristian [p, 7 pdas], Salgado (1), Acuña (1), Fabián (2), Xosé, Couceiro (2), Martín -equipo inicial- Mouriño [p, 4 pdas], Suárez, Yoel, Joaquín (10/ 4 de 7m), Mariño (5), Áitor (4) e Chimpo.
Calvo Xiria 32 (17+15): Iago [p, 21 pdas /1 de 7m], Álex García (2), Ángel (3), Pablo (5/ 3 de 7m), Manu (5), Jesús (4), Álex Zas (5) -equipo inicial- Kike [p], Dubra (2), Ramón, Borja (2), Christophe (1), Fer (1) e Cuco (2).
Colexiados: Ándres Rosendo López e Fernando Eiras Abalde (ambos do Colexio Galego). Excluíron por dous minutos aos locais Áitor (min 7 e 27) e Acuña (min 50). Tamén sufriron sanción de exclusión os visitantes Álex García (min 16 e 59), Borja (min 20 e 39), Jesús (min 28) e Ramón (min 43).
Parciais cada cinco minutos: 3-3; 5-9; 6-11; 7-12; 11-16; 13-17 (descanso); 15-19; 18-21; 22-24; 22-26; 23-29; 25-32 (final).
7 metros: O.A.R. Coruña: 4 / 5 # # # Calvo Xiria: 3 / 3
De espectacular podemos atilar a Vitoria conseguida polo Calvo Xiria na terceira xornada de liga en PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL. Os rapaces adestrados por Marcos Rodríguez asinaron esta fin de semana na Coruña unha actuación memorable e superaron no derbi provincial por 25-32 a un OAR Coruña que notou en demasía as ausencias de Nano Vázquez e Miguel Lozano, dous dos seus piares fundamentais.

Case sen xogalo o Calvo Xiria perde o primeiro balón e os anfitrións axiña se aproveitan do circunstancial agasallo para abrir o marcador por mediación de Mariño que anota con facilidade aos corenta segundos. Unha fugaz vantaxe que Manu anula antes de que se supere o primeiro minuto. O xogo desenvolvíase con gran rapidez aínda que o nerviosismo palpábase no ambiente. A escuadra carballesa foi a primeira en asentarse e así despois dunha boa acción defensiva consegue montar un ataque que os coloca por diante. Ambos os dous equipos marran cadansúa oportunidade por pisaren os lanzadores a área contraria e, tras empatar Yago Acuña para os locais, repítense os goles nunha e noutra portería para chegarmos ao minuto seis con empate a catros. O técnico local que nesta altura xa fixera troca de gardametas, ordena unha “especial vixilancia” do central carballés Pablo. A partir de aquí o choque entra nunha fase na que o Xiria, cun Jesús impresionante nas axudas, péchase á perfección en defensa e ben dirixido por Manu ataca con criterio para abrir unha pequena brecha de tres goles (4-7). Aproveitando unha exclusión para anular cunha mixta a Flavien Mariño, a vantaxe ampliase ata os cinco goles. Deste xeito cando tan só van cumpridos nove minutos de encontro, o luminoso sinalaba un xa substancioso 4-9 favorable para os de Carballo. Tras un gol do propio Flavien, neses momentos a principal referencia en ataque dos coruñeses, o Xiria volve á carga e axiña se coloca xa con seis goles por riba (5-11), unha diferenza que grazas o gran labor de Iago baixo paus, se vai mantendo ata o minuto vinte e cinco en que un Pablo, moi seguro, fai subir desde a raia de máximo castigo o 11-17 no taboleiro de marcas. No último tramo deste primeiro acto cambian un pouco as tornas e os discípulos de Aguirregabiria aplícanse con máis intensidade. Así, cun pletórico Joaquín como punta de lanza, conseguiron minguar un chisco as diferenzas para retirarse aos vestiarios con catro goles de desvantaxe (13-17).

Tralo descanso saíron con ganas os herculinos, seguramente pensando en reeditar a proeza alcanzada a anterior xornada na pista do Lavadores, pero os reflexos do meta carballés desbarataron a primeira ocasión local. O Xiria anota primeiro e roubando o esférico, a punto está de volver facelo; porén Cristian, que pasou a ocupar o portal coruñés neste segundo acto, consegue deter a contra. Aínda que Iago desvía o seguinte intento dos locais, estes non se desmoralizan e cun gran traballo poden colocarse a tres goles no minuto trinta e cinco (15-18). A zaga do Xiria non defende como na primeira parte e comeza a ter importantes despistes. O OAR aproveita perfectamente a situación e consegue reducir diferenzas, colocándose a tan só un gol no minuto corenta e dous. Os coruñeses ata teñen opción de empatar pero o meta Iago encárgase de abortar esa posibilidade. E é que se o cérbero carballés estivo ben na primeira metade, nesta segunda deu un auténtico recital. O importante grupo de fieis seareiros carballeses que visitaba o “San Francisco Javier”, axiña se decataron do perigo e cos seus berros de ánimo conseguiron levantar o equipo, que nun visto e non visto, volveu tomar o mando do encontro. Os herculinos seguían coa mixta sobre Pablo pero Manu, cunha maxia similar, tamén sabe mover o equipo ás mil marabillas. Así as cousas, con Iago infranqueable baixo os paus, o Calvo Xiria vaise escapando no marcador e chégase ao minuto cincuenta e sete cunha vantaxe de oito goles, cando Álex Zas cunha rapidísima contra sobe o 23-31 ao taboleiro de marcas. Esta diferenza, a máis grande do partido, foi reducida polos ex xogadores do equipo carballés Áitor e Joaquín.. O definitivo 25-32 conseguido por mediación de Ángel chegou a escasos tres segundos da finalización. Os xogadores carballeses brindaron este histórico triunfo aos seus afeccionados desprazados ata a Coruña.

O Calvo Xiria, con 4 puntos, escala ata o sexto posto na clasificación e pode agardar con ledicia e máis tranquilidade o choque da vindeira semana no pavillón da zona escolar. Enfronte terá un duro rival, o Embutidos Lalinense Bm. Lalín, un grandísimo equipo que conta todos os seus encontros por vitorias.