CALVO XIRIA 28 – GAEVA 2000-BUEU ATL 29

XORNADA 22
07/03/2009 CALVO XIRIA 28 – GAEVA 2000-BUEU ATL 29
Calvo Xiria 28 (12+16): Quique, Cuco (5), Ángel (3), Jesús (1), Álex, David (8) e Bruno (1) -equipo inicial- Iago, Pablo (5), Chimpo (2), Borja (1), Dubra (1), Manuel e Iván (1).

Gaeva 2000-Bueu Atl 29 (12+17): Nani, David (6), Colic (5), José (7), Dacosta (3), Nilo (2), Aitor (3) – equipo inicial- Araujo (2), Ramón, Abel, Roberto (1), Andrés e Francisco.

Colexiados: Srs. Eiras e Pérez.

Parciais: 1-3, 4-3, 9-6, 10-9, 12-10, 12-12, 15-16, 18-16, 21-21, 24-25, 25-25, 28-29.

Derrota do Calvo Xiria na súa casa ante o Bueu, rival directo na loita pola permanencia na categoría de 1ª Estatal, por un axustado 28–29 que unida á victoria do Grupo Covadonga fronte ao OAR fai que o conxunto carballés caía á derradeira praza e polo tanto ocupe o posto de descenso.

Partido no que os primeiros trinta minutos foron de tanteo entre dous equipos moi necesitados de puntos e no que o Bueu mandou mentres foi quen de acadar situacións de lanzamentos cómodas. Pouco a pouco subiu a intensidade do Calvo na parcela defensiva e con ela chegaron os primeiros goles en contraataque que facían dar a volta ao marcador. A partir do minuto quince os carballeses mantiñan unha boa liña defensiva pero os erros no ataque e no lanzamento facían que se chegase con táboas no marcador ao tempo de lecer. Nin uns nin outros foron quen de imprimir o ritmo desexado ao encontro nin ter a continuidade no xogo que se precisa para mandar con claridade nun partido.

O segundo tempo foi máis do mesmo, coa diferenza de que mandaron os ataques e non defensas nestes segundos trinta minutos. E de novo o Calvo deixou fuxir dous puntos vitais por accións puntuais cando tiña controlado o marcador e ao seu rival. Unha situación defensiva de superioridade numérica por parte local con sinalización de pasivo rematou en sete metros e exclusión por un despiste nun saque de golpe franco o que unido a dúas perdas de balón en contraataque e unha situación de invasión de área –todo iso en menos de cinco minutos- fixo que o partido se lle puxera de cara ao Bueu que tirou bo proveito dos regalos carballeses. Na derradeira xogada o Xiria non puido, con nove segundos, conseguir unha situación clara de lanzamento.