CALVO XIRIA 30 – BM BASE OVIEDO 23

XORNADA 7

07/11/2009 CALVO XIRIA 30 – BM BASE OVIEDO 23
Calvo Xiria 30 (15+15): Iago (p, 19 paradas), Cuco (1), Pablo (5), Chimpo (6), Christophe, Alberto (9/ 5 de 7m.), Jesús (3) –equipo inicial– Kike (p), Ángel (3), Ramón, Manu (2), Iván e Álex Zas (1).

Bm Base Oviedo 23 (13+10): Dani (p, 14 paradas), A.Rodríguez (1), N.Huerta (6), Toño (1), Veleda (3), Ramos (4), Cancio (3) –equipo inicial– Chiky (p), Ferreira (1), Blanco (1), Trujillo, Víctor (3), Chema (1) e V. Mon.

Colexiados: Sres. Rodríguez Mondelo e Eiras Abalde de Galicia. Excluíron polo Calvo Xiria a Ramón (min. 24 e 34), Christophe (min. 21), Cuco (min. 34 e 49) e ao adestrador Marcos Rodríguez. Polo Base Oviedo a Maxi Cancio (min.29).

Parciais: 3-1, 6-6, 8-7, 12-11, 13-13, 15-13 (Descanso); 16-16, 19-17, 22-17, 24-19, 28-21, 30-23.
Primeiro tempo: 1-0 (Jesús), 2-0 (Chimpo), 3-0 (Alberto), 3-1 (Toño), 3-2 (N.Huerta), 3-3 (Ramos), 4-3 (Jesús), 4-4 (Víctor), 5-4 (Pablo), 5-5 (Veleda), 5-6 (N.Huerta), 6-6 (Cuco), 7-6 (Alberto/ de7m.), 7-7 (Cancio), 8-7 (Pablo), 9-7 (Ángel), 9-8 (Víctor), 10-8 (Pablo), 10-9 (Veleda), 11-9 (Chimpo), 11-10 (Blanco), 12-10 (Alberto), 12-11 (Víctor), 13-11 (Chimpo), 13-12 (Cancio), 13-13 (Cancio), 14-13 (Jesús), 15-13 (Pablo).
Segundo tempo: 15-14 (Veleda), 15-15 (Chema), 16-15 (Chimpo), 16-16 (A.Rodríguez), 17-16 (Alberto/ de 7m.), 18-16 (Alberto), 18-17 (N.Huerta), 19-17 (Chimpo), 20-17 (Alberto/ de 7m.), 21-17 (Ángel), 22-17 (Chimpo), 23-17 (Pablo), 23-18 (N.Huerta), 24-18 (Alberto), 24-19 (Ramos), 25-19 (Zas), 26-19 (Manu), 26-20 (N.Huerta), 27-20 (Alberto/ de 7m.), 28-20 (Ángel), 28-21 (N.Huerta), 28-22 (Ramos), 29-22 (Alberto/ de 7m.), 29-23 (Ramos), 30-23 (Manu).
7 Metros: Calvo Xiria: 7 / 5 /// Base Oviedo: 1 / 0
Alternando rápidas circulacións e goles de bela factura con atascos e indecisións en ataque, pero baseándose nunha soberbia defensa, o Calvo Xiria conseguiu nesta sétima xornada ligueira asinar un máis que aceptable partido no que dobregou ao BM. Base Oviedo por 30-23.

Comezaron ben as cousas para os de Carballo que anotaron o primeiro tanto con facilidade e a pesar de desaproveitar dúas oportunidades ofensivas axiña se puxeron cun 3-0 favorable. O tridente central formado por Ángel, Ramón e Cuco, cun Jesús moi atento nas axudas, abortaba con solvencia os primeiros ataques ovetenses que só conseguen perforar por vez primeira a meta local a piques de chegar ao minuto cinco. Seguen dúas acertadas intervencións do gardameta Dani que proporcionan balóns para que os extremos Huerta e Ramos equilibren o encontro. Tras un dobre intercambio de goles e superado o minuto nove outro tanto de Nacho Huerta permítelle ao seu equipo adiantarse no marcador por primeira e última vez. Coa axuda de Iago baixo paus, o Xiria remonta este 5-6 adverso e tras un novo empate volve a retomar o mando (8-7). Nos seguintes minutos, entre o doce e o dezaseis, os carballeses desaproveitaron catro ataques (cun lanzamento de sete metros incluído) pero os do Base Oviedo tampouco foron quen de bater a un impresionante Iago que consegue encadear catro paradas consecutivas. Ángel cunha gran penetración, pon fin a esta seca goleadora incrementando a vantaxe para os de Carballo (9-7). O partido continúa cun sucesivo alterne de tantos ata que no minuto vintecatro, co Xiria un arriba, Dani acerta a deter un lanzamento que lle permite a Maxi Cancio igualar a contenda (13-13). No tramo final deste acto, ambos os dous equipos, volven a fallar numerosas ocasións en ataque. Jesús está a punto de desfacer o empate cando, con Ramón excluído, rouba un balón en defensa con tan mala sorte que se lle escapa xusto no momento de lanzar a gol. Minuto e medio antes do descanso, o propio extremo carballés consegue resarcirse do erro anterior e coloca o 14-13 no marcador. O Base Oviedo lanza fóra o seu derradeiro ataque e a falta de seis segundos, con presteza, Marcos pide un tempo morto para preparar unha xogada que Pablo conseguiu materializar xusto antes do toque da bucina (15-13).

O bando ovetense comezou a segunda parte cun home menos, porén a pesar diso, soubo aproveitarse de dous despistes defensivos para establecer unha nova igualada a 15 tantos. Con Cuco xogando cun nocello mancado, o conxunto carballés semellaba resentirse cando Chimpo, que nunca se engurrou, marca un gran gol. Iago continúa co seu recital pero con todo o partido non se endereza porque o Xiria volve fallar dous lanzamentos seguidos, un desde os sete metros. Pouco antes do minuto 35, os árbitros exclúen a Ramón e a Cuco na mesma xogada e os asturianos conseguen empatar unha vez máis. Cando todo pintaba tan mal, un Iago cada vez máis espectacular pasa o fecho na súa portería e o Xiria, pouco a pouco, consegue escaparse no marcador. O público aplaudía afervoado e coreaba o nome do meta; así chégase ao ecuador deste segundo acto cunha vantaxe de cinco goles (22-17). Xa, sen forma de parar o vendaval carballés, no minuto 50 e despois de que o xuvenil Álex Zas colocase o 25-19 no electrónico, o adestrador visitante fai unha troca de porteiros. A falta de sete minutos, cun rápido contraataque, o Calvo Xiria establece a máxima renda do partido en oito goles (28-20). O treito final transcorreu coa afección entregada e cos xogadores locais relaxados e gozando do evento. Manu marcou o derradeiro gol do partido que rematou cun 30-23 no luminoso.

O máximo realizador do encontro foi, unha vez máis, Alberto Salgado con 9 goles de 17 intentos. 5 foron materializados desde a liña de 7 mts. Con todo, a gran figura do partido foi o meta Iago que con 19 intervencións tivo unha efectividade que supera o 45%.