CALVO XIRIA 31 – CAFES TOSCAF 31

XORNADA 19

13/02/2010 CALVO XIRIA 31 – CAFES TOSCAF 31
Calvo Xiria (14+17): Quique, Cuco (5), Chimpo (5), Alberto (7), Pablo (8), Iván (1) e Dubra (2) -equipo inicial- Iago, Jesús (1), Manuel (2), Ángel, Ramón e Zas.

Cafés Toscaf (13+18): Carlos, Francisco (4), Alejandro (8), José (10), Javier (3), Iván (2), Pablo (1) – equipo inicial – García, Conlledo (1), Jorge, Isaac, Camilo (1) e David (1).

Colexiados: Srs. Sánchez (colexio navarro) e Martínez (colexio rioxano).

Parciais: 5-1, 7-3, 8-5, 11-7, 13-10, 14-13, 18-14, 21-19, 22-21, 25-22, 27-27, 31-31.
Primeiro punto acadado polo Calvo Xiria na segunda volta da liga de 1ª estatal o que conseguiu fronte ao Cafés Toscaf no Pavillón da Zona Escolar de Carballo o pasado sábado.

De novo amosou a súa irregularidade o equipo local que tivo a posibilidade de deixar prácticamente sentenciado o encontro durante os primeiros quince minutos de partido, ante un rival que parecía disposto a devolverlle o favor que fixeron os carballeses no desprazamento a Avilés na primeira volta, xa que non eran capaces de chegar a lanzar a portería debido ás numerosas perdas de balón. Pero o Calvo non foi quen de tirar proveito desta situación, conseguiu unha renda nos primeiros cinco minutos de catro goles pero que non medrou. De novo as perdas de balón en situacións claras de xogo lastraron o desenvolvemento do partido. O rival sen facer demasiados alardes no seu xogo -un equipo que normalmente é moito máis creativo e agresivo que o que amosou este sábado- foi recurtando diferenzas no marcador ata chegar con un parcial de 14 – 13 ao descanso.

A segunda metade foi máis do mesmo. Mentres os locais mantiveron o colectivo coma eixo do seu xogo conseguiron mandar no marcador pero cando caeron -como xa ven tamén sendo negativamente habitual- nas individualidades cometeron moitos erros que aproveitou o Cafés Toscaf para meterse no marcador e estar a punto de levarse os dous puntos. Ainda así tivo o Calvo unha derradeira ocasión para conseguir a súa primeira vitoria desta segunda volta pero non foi quen de tirar nada positivo dun balón con doce segundos por diante para xogarse.