Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

CALVO XIRIA 31 – O.A.R. CORUÑA 28

XORNADA 11 05/12/2009 CALVO XIRIA 31 – O.A.R. CORUÑA 28 Calvo Xiria 31 (12+19): Kike (p, 7 paradas), Cuco (2), Chimpo (4), Pablo (6), Christophe (1), Alberto (9/ 4 de…

XORNADA 11

05/12/2009 CALVO XIRIA 31 – O.A.R. CORUÑA 28
Calvo Xiria 31 (12+19): Kike (p, 7 paradas), Cuco (2), Chimpo (4), Pablo (6), Christophe (1), Alberto (9/ 4 de 7m.), Jesús (4) –equipo inicial– Iago (p, 7 paradas), Ángel (1), Iván (4), Ramón e Álex Zas.

O.A.R. Coruña 28 (15+13): Abel (p, 6 paradas), Santiago Salgado (4), Lozano (2/ 1 de 7m.), Acuña (3), Canosa (6), Navarro (1), Joaquín (9/ 2 de 7m.) –equipo inicial– Cristian (p, 4 paradas), Couceiro, Merino (2), Suárez, Aitor, Solís (1) e Catoira.

Colexiados: Martín Rodríguez Mondelo e Fernando Eiras Abalde (Galicia). Excluíron a Pablo (min. 16), Ramón (min. 23 e 40), Jesús (min. 44 e 59) e Cuco (min. 49) polos locais e a Aitor (min. 18 e 28), Lozano (min. 24) e Navarro (min.52) polos visitantes.

Parciais: 3-2, 5-5, 7-8, 8-11, 10-13, 12-15 (Descanso) 14-17, 17-18, 19-20, 23-23, 27-24, 31-28 (Final).
Primeiro tempo: 1-0 (Alberto), 1-1 (Lozano/ de 7m.), 2-1 (Alberto/ de 7m.), 2-2 (Joaquín), 3-2 (Pablo), 3-3 (Santiago Salgado), 4-3 (Pablo), 4-4 (Lozano), 5-4 (Chimpo), 5-5 (Canosa), 6-5 (Pablo), 6-6 (Acuña), 7-6 (Chimpo), 7-7 (Canosa), 7-8 (Canosa), 7-9 (Santiago Salgado), 7-10 (Joaquín), 7-11 (Joaquín), 8-11 (Ángel), 8-12 (Navarro), 9-12 (Iván), 9-13 (Solís), 10-13 (Pablo), 10-14 (Santiago Salgado), 11-14 (Iván), 12-14 (Jesús), 12-15 (Santiago Salgado).
Segundo tempo: 13-15 (Alberto), 14-15 (Chimpo), 14-16 (Acuña), 14-17 (Joaquín), 15-17 (Iván), 16-17 (Pablo), 17-17 (Cuco), 17-18 (Joaquín/ de 7m), 17-19 (Joaquín/ de 7m.), 18-19 (Chimpo), 18-20 (Canosa), 19-20 (Jesús), 19-21 (Merino), 20-21 (Alberto/ de 7m.), 20-22 (Canosa), 21-22 (Pablo), 22-22 (Alberto), 23-22 (Iván), 23-23 (Joaquín), 24-23 (Alberto/ de 7m.), 25-23 (Christophe), 25-24 (Canosa), 26-24 (Alberto/ de 7m.), 27-24 (Cuco), 28-24 (Jesús), 28-25 (Merino), 28-26 (Acuña), 29-26 (Alberto), 29-27 (Joaquín), 30-27 (Jesús), Joaquín (30-28), Alberto (31-28).
7 Metros: Calvo Xiria: 4/4 /// OAR Coruña: 3/3
Coa mellor entrada de temporada e nun partido de infarto o Calvo Xiria conseguiu facerse coa vitoria no derbi provincial que o enfrontaba ao OAR Coruña. Os carballeses soben dous postos na clasificación e a falta de dúas xornadas para rematar a primeira volta son sétimos na clasificación.

O xogador local Manu causou baixa de última hora. Despois de sentir molestias durante a semana parece ser que sofre unha ruptura na clavícula, lesión que arrastra desde o anterior partido contra o Porriño.

No sorteo inicial correspondeulle ao Calvo Xiria poñer o balón en xogo e por mediación do extremo Alberto inaugura o taboleiro de marcas aos vinte segundos. Despois de fallar un ataque cada equipo, empatan os visitantes desde os sete metros. Establécese así unha dinámica que vai durar ata aproximadamente o minuto trece, na que os carballeses se poñen un gol arriba e deseguido sempre igualan os herculinos. As dúas escuadras empregaban unha defensa 6/0 pero os visitantes esperaban bastante máis pegados á area. No plano ofensivo o OAR sempre finalizaba con accións individuais que provocan moito desgaste, pola contra, os ataques do Xiria eran máis rápidos e fluídos e aínda que desaproveitaron varias ocasións para irse de dous, os goles que marcaban entraban con excesiva facilidade. Este feito obrigou ao adestrador visitante, Aguirregabiria, a facer unha troca de porteiros xusto a continuación de que no minuto 12 con 40 segundos Chimpo colocase o 7-6 no luminoso. O OAR axiña empata a 7 e na seguinte xogada Cristian, o novo inquilino da meta visitante, consegue deter un precipitado lanzamento dos locais que a partir de aquí van pasar por unha fase tremendamente delicada. Pablo é excluído e os xogadores carballeses desaproveitan un bo feixe de ocasións, a maioría das veces sen nin sequera lanzar a portería. Mentres tanto o OAR vai aproveitando para escaparse no marcador alcanzando unha renda de catro goles (7-11). Superado o minuto vinte, e a pesar de sufrir a merecida exclusión de Aitor, os visitantes conseguen manter a vantaxe (8-12). No último tramo desta primeira parte o equipo de Aguirregabiria parece conformarse co botín e ralentiza máis as accións. Os catro goles de renda (10-14) aínda se manteñen no electrónico a falta de 4 minutos para o descanso. O Xiria por mediación de Iván e de Jesús chega a aproximarse ata o 12-14 pero Santiago Salgado tamén marca para o OAR. Aínda houbo tempo para que cada equipo desperdiciase tres ataques máis, o último con gol de Ángel, que non subiu ao marcador porque entrou xustiño despois do toque de bucina. Rematou pois este primeiro acto cun 12-15 favorable para os da Coruña.

Tras o tempo de lecer o Xiria consegue marcar dous goles que son rapidamente contestados con outros dous dos herculinos, o último unha contra de Joaquín que deixa as cousas como estaban (14-17). O público que nunca parou de animar comeza a facelo con maior ímpeto e a reacción dos xogadores de Marcos Rodríguez non tarda en chegar. O Xiria volve a imprimir máis velocidade ao seu xogo e a anticiparse en defensa para conseguir así igualar a contenda no minuto trinta e sete (17-17). Cando todo semellaba poñerse a favor dos locais, o equipo debe xogar con dous excluídos case de forma consecutiva e os da Coruña vanse dous arriba. Pouco despois de superarse o minuto corenta e seis o OAR conserva esta pequena renda e manda no electrónico por 20-22. Varias paradas seguidas do meta Iago, que ocupou a meta carballesa neste segundo período, permiten reaccionar de novo aos locais e no minuto dezanove conseguen poñerse por diante (23-22). Joaquín, o mellor dos visitantes, aínda empata o partido no seguinte ataque; pero a partir deste momento o Xiria, comandado por un Alberto espectacular, xa se fai co control absoluto do partido. O bravo extremo carballés inicia a remontada batendo desde os sete metros a Cristian que, ao igual que no primeiro acto, acababa de relevar a Abel na meta oarista. A lesión de Avelino Solís e o desgaste físico dos visitantes permitiron ao Xiria irse de catro cando Jesús, cun gol de auténtica garra, debuxaba o 28-24 nada máis superarse o minuto vintecinco. Un derradeiro esforzo dos xogadores herculinos aínda lles permitiu colocarse a dous goles, coa posibilidade de aproximarse a un faltando pouco máis dun minuto para a conclusión. Co marcador sinalando 29-27 o Xiria conseguiu cortar ese ataque e marcar un novo gol que acabou definitivamente coas esperanzas do rival. Ambos equipos aínda conseguiron anotar de novo e entre unha atronadora salva de aplausos por parte dos afeccionados, o partido concluíu coa vitoria local por 31-28.