Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

CALVO XIRIA 32 – MAGOPE SEIS DO NADAL COIA 31

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 8 13/11/2010 CALVO XIRIA 32 – MAGOPE SEIS DO NADAL COIA 31 Calvo Xiria 32 (17+15): Iago [p, 5 pdas], Manu (7), Ramón (1), Suso,…

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 8

13/11/2010 CALVO XIRIA 32 – MAGOPE SEIS DO NADAL COIA 31
Calvo Xiria 32 (17+15): Iago [p, 5 pdas], Manu (7), Ramón (1), Suso, Álex Zas (4), Cuco (1), David (1) -equipo inicial- Kike [p, 5 pdas], Pablo (10/ 3 de 7m), Borja (3), Christophe, Jesús (2), Dubra (3) e Ángel.
Magope Seis do Nadal Coia 31 (14+17): Soliño [p, 10 pdas], Antón Rey (6), Escudero (4), Ron (2), César Núñez (8/ 4 de 7m), Quique Fernández (2/ 1 de 7m), Denís (1) –equipo inicial- Adrián (p), Miguel Bao (1), Guille (1), Alberto, Germán, Alexandre (4/ 2 de 7m) e Jacobo (2).
Colexiados: Fernando Eiras e Sergio Rodríguez (Federación Territorial Galega). Excluíron a Cuco (min 9 e 31), Jesús (min 25), Ramón (min 46 –descualificado de forma directa-) e Pablo (min 58) por parte local, e a Fernádez (min 1), Antón (min 33), Jacobo (min 35, 41 e 57 –descualificado-) e Ron (46) por parte visitante.
Marcador: 3-3, 4-5, 7-6, 10-9, 15-10, 17-14 (descanso), 20-17, 21-19, 24-22, 27-25, 30-27, 32-31 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 3 / 4 # # # Seis do Nadal: 7 / 9
A oitava xornada de liga en PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL deparou unha nova alegría e satisfacción para a afección carballesa. Nun partido con final pouco apto para cardíacos o Calvo Xiria conseguiu derrotar ao equipo vigués do Magope Seis do Nadal por un apertado 32-31.

Aínda que con diferentes alternativas no comando do marcador, o encontro mantívose bastante igualado ata o minuto dezanove. Tras o saque inicial que correspondeu aos visitantes, ambas as dúas escuadras foron anotando os seus respectivos ataques. Con empate a tres, o Calvo Xiria recupera o esférico grazas a un lanzamento de sete metros estragado polo rival e o internacional xuvenil David –que debutaba na categoría- consegue a primeira vantaxe (4-3) pouco despois de superarse o minuto cinco. O partido xogábase con gran ritmo e tras unha falta en ataque do propio David e a exclusión de Cuco, os de Coia aproveitan para asinar un parcial de 0-3 que lles permite colocarse cun favorable 4-6 no minuto dez e medio. Os rapaces de Marcos Rodríguez non tardan en reaccionar e pechándose atrás con gran eficacia desbaratan de forma consecutiva varias ofensivas viguesas e, devolvendo o parcial, mercé aos goles de Zas, Jesús (recollendo un rechace) e Pablo volven tomar a dianteira (7-6) no minuto trece. Seguen momentos nos que os dous equipos alternan un bo feixe de erros en ataque, destacando especialmente as clarísimas ocasións desde seis metros desperdiciadas polos locais. Así as cousas ningún dos contendentes conseguía sacar vantaxe e a falta de once minutos para o descanso o electrónico reflectía a igualdade existente amosando un empate (9-9). Porén, todo tén un prezo, e o partido estaba sendo moi esixente. O Magope comezou a pagar o esforzo realizado ata o momento e foi a partir de aquí cando o Xiria sacou a relucir a súa caste. Movendo o balón con vertixinosa velocidade e empregándose ao máximo en defensa aproveitou para escaparse e chegar ao minuto vinte e cinco xa cunha substancial vantaxe de cinco goles (15-10) que ben puideron ser seis de non desaproveitar unha nova contra. Nos últimos cinco minutos do acto o panorama volveu cambiar, o Xiria tras sufrir unha exclusión pasou por moitos apuros para organizar os ataques e perdeu varios balóns sen apenas crear perigo algún. Os vigueses puideron así recortar un chisco as diferenzas conseguindo retirarse aos vestiarios cunha desvantaxe de tan só tres goles (17-14).

Tras o descanso, O Calvo Xiria falla nos dous primeiros ataques, pero con todo, non só consegue manter a vantaxe senón que grazas a súa rapidez ata a aumenta nun gol máis. O marcador sinala un 20-16 e posteriormente un 21-17 no minuto trinta e oito. Na seguinte xogada Pablo, que con dez goles foi o máximo artilleiro do choque, errou un lanzamento desde a raia de castigo o que foi unha mágoa pois tras este contratempo a situación cambiou radicalmente. Os de Coia colleron novos folgos e o Xiria pasou por unha pequena crise que lle ocasionou bastantes problemas para finalizar con éxito as súas xogadas. O marcador apertouse e pouco despois do minuto corenta os visitantes colocábanse a tan só un gol de distancia (21-20). Así as cousas, os locais novamente poñen as pilas e xogando de poder a poder, continúan o partido con favorables vantaxes de un ou dous goles. Aplicándose con bastante intensidade, Cuco e especialmente Ramón estaban gañando a batalla no pivote, que como moito só conseguía sacar algún lanzamento de sete metros, e os defensores de banda, moi adiantados anulaban perfectamente o xogo dos extremos rivais. Mais un novo contratempo puido marcar o resto do partido, No minuto corenta e seis cun 24-22 favorable para os carballeses, Ramón empurra a un rival e ve a tarxeta vermella. A tarefa complicábase enormemente pois con Álex García lesionado a zaga podía resentirse, pero loitando contra vento e marea o equipo carballés consegue manter a renda ata o minuto cincuenta e seis (30-28). Xa cos nervios a flor de pel, unha perda de balón e un precipitado lanzamento dos locais permiten ao Seis do Nadal empatar o choque (30-30) a falta de tres minutos. Pero os de Carballo non se veñen abaixo e Manu cunha das súas intrépidas penetracións adianta ao Xiria (31-30). Os visitantes cometen pasos pero recuperan o balón tras unha falta en ataque rival e empatan de novo a falta de pouco máis dun minuto (31-31). Nun final de infarto, cunha rapidísima posta en xogo do balón, o extremo Jesús sorprende á defensa visitante e anota de tiro cruzado o que sería definitivo gol do evento (32-31) a falta de vinte e nove segundos. Neses intres finais aínda houbo tempo para que os visitantes botaran fóra un lanzamento e para que o seu porteiro fixese unha boa parada, atallando un balón que se lle coaba entre os pés, cando quedaban doce segundos. Gran defensa do Xiria cunha providencial anticipación de Dubra que provocou un lanzamento moi desviado; pero incomprensiblemente a mesa fixo soar a bucina, parece ser que pensando que os visitantes xogaban cun home de máis, regalando así cinco segundos ao Magope que afortunadamente volveu desaproveitar ao lanzar Quique Fernández o balón por fóra.

Superado este importante escollo o Calvo Xiria con 9 puntos na táboa clasificatoria, xa deixa a 6 as prazas de descenso e pode encarar con máis tranquilidade o difícil partido da próxima semana.

En efecto, o vindeiro sábado outra vez no “Pavillón Municipal Vila de Noia” recibiremos a visita do Bm. Porriño, un potentísimo equipo no que militan os nosos ex-xogadores Sebastián Álvarez e o televisivo David “Amor”, que virán con ansias de recuperar o liderado que acaban de perder nesta xornada.