Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

GARAYSA XIRIA 31 – S.D. OCTAVIO VIGO 25

Garaysa Xiria: 31 (17+14): Jorge, Buño, Daniel García (1), Gabriel, Iván Campos (9), Raúl (3), Diego (3), Lolo (7), Alejandro, Iván Calvo, Enrique (8). S.D. Octavio Vigo: 25 (9+16): Ricardo,…

Garaysa Xiria: 31 (17+14): Jorge, Buño, Daniel García (1), Gabriel, Iván Campos (9), Raúl (3), Diego (3), Lolo (7), Alejandro, Iván Calvo, Enrique (8).

S.D. Octavio Vigo: 25 (9+16): Ricardo, Enrique, Daniel (7), Borja (1), Adrián (5), Álvaro (4), Rubén, Andrés (6), Mikel, Víctor (2), Óscar e Manuel.

Colexiado: Pablo González Fernández.

O Garaysa Xiria recibía, na 9ª xornada de liga na División de Honra infantil, ao líder da categoría, o Octavio de Vigo, que chegaba a Carballo coa condición de invicto tendo superado a rivais da talla do Teucro ou o mesmo Bueu co que comparte liderado e facíao, ademais, cunha bagaxe de 7 vitorias noutros tantos partidos . Os xogadores do Xiria, conscientes da importancia do encontro, saíron ao campo moi concentrados e cunha intensidade propia dos grandes duelos, coma era o caso.

O equipo local non tardou en coller vantaxe grazas a unha boa defensa que poñía continuamente en xaque ao ataque do Octavio e propiciaba boas ocasións de contragolpe que, a miúdo, eran ben aproveitadas polo Garaysa. Os de Vigo atascábanse en ataque e tentaban xogar desesperadamente co seu pivote, que foi, durante os 50 minutos, o seu home de referencia en ataque, pero os defensores do Xiria non o deixaban xogar comodamente sobre a liña de 6 m e tiña que subir ata 9 m, ou máis aló, a recibir balóns, alí onde era menos efectivo e onde lle custaba moito máis acadar boas situacións de lanzamento.

Así pasaban os minutos ata o remate do primeiro período cun Xiria moi centrado no seu traballo e cun Octavio un tanto precipitado e con poucas ideas en ataque. O 17-9 do descanso deixaba o encontro encarrilado para os locais, pero aínda non estaba todo feito e menos tendo en conta a entidade do rival.

E así foi, na segunda metade viuse a un Octavio coas ideas máis claras, os seus 3 primeiros ataques remataron en gol e o Xiria tiña que volver a estar concentrado ao 100% en defensa se non quería deixar ir a boa vantaxe acadada no primeiro tempo. No peor momento posible os locais quedáronse con 4 xogadores en pista durante case un minuto, o que facilitou ao Octavio achegarse máis no marcador, pero o Garaysa Xiria aguantou o tirón dos de Vigo como auténticos veteranos, sen perder os nervios e centrándose no seu traballo, e así foron recuperando a súa vantaxe. Os últimos 10 minutos do partido foi un calco do visto no primeiro tempo, gañando a batalla na defensa e, como resultado dista, facendo rápidos contragolpes que fusilaban a portería rival que vía como se lles ía o encontro.

Ao remate 31-25, 2 puntos para o Garaysa que fan xustiza tras un encontro no que os locais foron superiores. Quinta vitoria consecutiva dos de Carballo que seguen a boa liña ascendente, resultado dunha gran implicación e ganas de traballar por parte de todo o equipo. Agardamos que esta mellora siga véndose no próximo encontro, no que o Xiria viaxa a Pontevedra para enfrontarse ao Teucro, outro dos galos de pelexa da competición, partido que se disputará o sábado ás 11.00 no Municipal de Pontevedra.