CALVO XIRIA 33 – BALONMANO PORRIÑO 30

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 9

20/11/2010 CALVO XIRIA 33 – BALONMANO PORRIÑO 30
Calvo Xiria 33 (17+16): Iago [p, 9 pdas], Ramón (1), Cuco (4), Borja, Jesús (3), Álex Zas (4), Manu (1) -equipo inicial- Kike [p, 6 pdas], Pablo (9/ 2 de 7m), David (7), Christophe, Ángel (1), Dubra (3) e Álex García.

Bm. Porriño 30 (14+16): Yuri [p, 8 pdas], Moncho Curra (5), Javi Carrera (2), Celso (7), Sebastián, Aitor Freiría, Adrián Freiría (4) -equipo inicial- Antón [p, 2 pdas], Esteban, Diego, Isma (8/ 4 de 7m.) e David “Amor” (4).
Colexiadas: Tatiana González Carvallo e Carla Diz Sierpes (Federación Territorial Galega). Excluíron por dous minutos a Dubra (min. 25), Ángel (min. 40), Manu (min. 46) e Cuco (min. 53) no equipo local. Sufriron a mesma sanción Sebastián (min. 12), Moncho (min. 32), David (min. 36) e Isma (min. 55) no equipo visitante.

Marcador: 1-4, 3-5, 6-8, 8-10, 13-12, 17-14 (descanso); 20-16, 22-20, 25-22, 28-24, 31-27 e 33-30 (final).

7 metros: Calvo Xiria: 2 / 2 # # # Bm. Porriño: 4 / 4

Sensacional partido o que nos ofreceu o Calvo Xiria na novena xornada de Liga en PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL. O conxunto carballés conseguiu dobregar por 33-30 ao potente Bm Porriño, un dos favoritos na loita polo título e o actual segundo clasificado.

Saltou moi frío o Calvo Xiria á pista do «Pavillón Municipal Vila de Noia» e axiña se viu superado por un Bm. Porriño que parecía vir decidido a recuperar o liderado perdido na xornada anterior. Os visitantes xa gañaban por 0-3 cando Pablo, preto do minuto catro, consegue perforar por primeira vez a meta de Yuri. Os carballeses non estaban nada finos en ataque e a súa defensa non era quen de frear as incursións de Adrián Freiría no pivote nin as gadoupadas do corpulento Celso desde a zona exterior. Aínda que tras dúas acertadas intervencións de Iago, os locais conseguen aproximarse (3-4) no minuto oito; o panorama lonxe de aclararse, tórnase moito máis negro cando a escuadra granitense asina un desalentador parcial de 0-4. Así as cousas, chégase ao minuto doce cun marcador de 3-8 favorable para os homes que dirixe Luis Montes. Ante un equipo tan poderoso e cunha desvantaxe de cinco goles o partido semellaba practicamente decidido; pero nese momento o adestrador local, toma unha decisión que vai ser determinante. Marcos Rodríguez dá entrada a David García, un rixoso rapazote que con tan só 16 anos vaise converter no prezado revulsivo que necesitaba o Calvo Xiria. O propio David con dous tremendos lategazos tras portentosa suspensión abre o camiño dunha remontada na que tamén tivo moito que ver a intensidade defensiva coa que a zaga se empregou a partir do segundo terzo deste primeiro acto. En medio da tremenda ovación dos seareiros e tras os goles de Pablo –este por partida dobre-, Álex Zas e Cuco; no minuto vinte e un, unha contra de Dubra vale para levar o empate ao electrónico. Despois dunha hábil parada de Iago, os verdinegros, por fin, conseguen poñerse por diante. Nese preciso momento, acababan de conseguir un parcial de 8-2, anotando o extremo Jesús o gol que supoñía a primeira vantaxe dos locais (11-10, min 22). O partido continuou igualado namentres os dous equipos recuperaban un pouco os folgos. A falta de catro minutos para o descanso o marcador amosaba un empate (13-13). Porén outra vez, os acertados lanzamentos dun espléndido David elevaban o ánimo dos seus e cunha entrega encomiable conseguen no tramo final acadar unha xa esperanzadora renda de tres goles (17-14).

Tras o merecido receso, o Calvo Xiria conseguiu aumentar nun gol máis a súa renda e chegou ao minuto trinta e cinco cun favorable 20-16. Pero aínda que seguía pechándose atrás de xeito inmellorable, os visitantes atoparon un novo recurso que lles valeu para acurtar distancias. Cunha defensa cos laterais moi presionantes e ben esporeados polo combativo Isma conseguiron achegarse perigosamente no minuto trinta e oito (21-20) e pouco despois, co marcador sinalando un 22-21, tiveron dúas ocasións para empatar. Os locais puideron abortar esas oportunidades e xogando con gran rapidez armaron varias contras que lle valeron para comezar unha nova escalada. Maxistralmente dirixidos polo central Pablo –que con 9 goles, outra vez tivo a honra de ser o mellor goleador do evento- o Calvo Xiria pouco a pouco foi collendo vantaxe ata alcanzar unha renda de 5 goles no minuto cincuenta e un (29-24). Seguiron uns instantes de tregua e así chegouse ao minuto trinta e cinco cun 31-27 no luminoso. Realizando un derradeiro esforzo, os carballeses mataron o partido mercé a dous espectaculares contraataques do malabarista Álex Zas que serviron para marcar a máxima diferenza (33-27, min 27). Sabedores de que o encontro xa estaba decidido os verdinegros baixaron a garda e o Bm Porriño, con rapidísimos ataques materializados polo ex-xogador local David “Amor”, aproveitou para maquillar o resultado, que quedou definitivamente establecido nun 33-30 favorable para o Calvo Xiria.

O equipo de Carballo conserva a sexta praza na clasificación, empatado a once puntos co quinto que é o «Las Cinco Jotas Bm. Lavadores» pero xa a sete dos postos de descenso. Precisamente o vindeiro sábado debe visitar o ben lembrado «Polideportivo de Vallobín» –escenario do último ascenso á división de bronce- para enfrontarse co Bm. Base Oviedo, un dos inquilinos do temido soto da táboa clasificatoria.