CALVO XIRIA 33 – SAR 31

28/04/2007 CALVO XIRIA 33 – SAR 31
Calvo Xiria (18+15) 33: Iago, Cuco (3), Hernán, Joaquín (4), Pombo, Alberto Salgado (7) e Ángel (4) –equipo inicial- Quique, Chimpo (7), Pablo (4), Queco, Manuel, Cristophe (3) e Aitor (1).
SAR (14+17) 31: Anxo, Ricardo (3), Damián (2), Eduardo (8), Gustavo (3), Castro (2) e Manuel (5) – equipo inicial – Óscar, Agustín, Francisco, Pablo (3), Luis Ron (5) e Iñaki.
Árbitros: Marcos Pérez e Marcelo del Río. Non influíron no resultado final. Mala arbitraxe para os dous equipos.
O Calvo Xiria xogará a final de Copa logo de derrotar á SAR de Redondela en Carballo no partido de semifinais. Ao descanso xa mandaban os locais no marcador por 18-14.

Nun vibrante e bonito encontro, o Calvo Xiria foi quen de derrotar ao campión de liga en Segunda Nacional, a SAR de Redondela, e meterse na final do torneo de Copa. Xa dende o comezo se viu un partido moi intenso por parte de ambos conxuntos, aínda que os ataques se impoñían ás defensas nos primeiros compases do encontro. A SAR logrou irse cunha vantaxe de tres goles moi pronto (2-5), pero o Calvo Xiria soubo remontar ata nivelar o partido no ecuador do primeiro acto, grazas ao bo xogo en ataque de Alberto Salgado e, sobre todo, de Ángel. O equipo de Marcos Rodríguez foi gañando en confianza á medida que pasaban os minutos e aproveitou as rotacións dos visitantes (que a vindeira semana disputan a promoción de ascenso a Primeira Nacional) para lograr pequenas vantaxes que rondaban os dous e tres goles. Ao descanso, o conxunto local íase con catro goles de diferenza e a semifinal encarrilada.

Pero como xa pasara no partido de liga celebrado en Carballo, a SAR saíu mellor na reanudación e conseguiu recortar distancias no marcador, principalmente pola aportación de Luis Ron dende os seis metros, marcando e provoncando situacións de sete metros para os visitantes. Aínda así, o Calvo Xiria soubo aguantar a presión que lle metía o seu rival e conseguía ir mandando sempre no marcador, intentando correr e baseando a súa estratexia na mellor forma física que tiñan sobre o conxunto visitante. O final do partido respondeu á emoción vivida durante toda a segunda parte, na que Chimpo e Quique se convertiron en protagonistas dende o punto de penalti. O primeiro, porque marcou todos os que lanzou, incluído o último con só trece segundos para rematar o partido. O segundo, porque parou tres durante ese segundo acto e a súa presión aos lanzadores provocou que Gustavo Castro, a falta de 37 segundos, botara fóra un lanzamento de sete metros que lle valía á SAR para empatar o partido. A intensidade en defensa e o saber estar en situacións de máxima presión foron as claves para que o Calvo Xiria conseguira un triunfo que permitirá ao conxunto carballés disputar a final de Copa fronte ao vencedor do Camariñas-Seis do Nadal.