Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

MECALIA ATL. NOVÁS 35 – CALVO XIRIA 29

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 12 11/12/2010 MECALIA ATL. NOVÁS 35 – CALVO XIRIA 29 Mecalia Atl. Novás 35 (18+17): Esteban [p, 14 pdas]; Jacobo (2), Herbello (7), Ramón, Lechuga…

1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 12

11/12/2010 MECALIA ATL. NOVÁS 35 – CALVO XIRIA 29
Mecalia Atl. Novás 35 (18+17): Esteban [p, 14 pdas]; Jacobo (2), Herbello (7), Ramón, Lechuga (6), Jorge (1), Óscar (5) -equipo inicial- Santi [p, 2 pdas], Víctor (7 /1 de 7m), Germán (5), Marcos (1), Harris, Manu Martínez (1) e Gestido.
Calvo Xiria 29 (11+18): Iago [p, 3 pdas]; Dubra (2), Ramón (4), David (8), Manu Méndez (2), Jesús (5), Pablo (4 /1 de 7m) –equipo inicial- Kike [p, 9 pdas], Christophe (1), Ángel (1), Álex Zas (2) e Naya [p].
Colexiados: Francisco Molina Baena e José Molina Baena (Federación Territorial Andaluza). Amosaron tarxeta vermella directa ao local Jorge Pousa (min 10).
Marcador: 4-2, 5-2, 7-6, 10-7, 14-10, 18-11 (descanso); 22-15, 26-16, 28-19, 30-22, 32-25 e 35-29 (final).
7 metros: At. Novás: 1 / 2 # # # Calvo Xiria: 1 / 1
Minguado polas baixas e tras a incomodidade dunha longa viaxe, o Calvo Xiria saldou de forma totalmente infructuosa o seu compromiso da 12ª xornada de liga en PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL. O circunstancial equipo carballés caeu no Pavillón Municipal do Rosal ante a potente escuadra local do Atl. Novás por un claro e contundente 35-29.

Con moitas dificultades conseguiu David contrarrestar a vantaxe inicial dos rosaleiros (1-1, min 1); e despois de que estes se adiantaran con dous goles, de novo o xuvenil internacional carballés dobra as mans do meta local para acurtar distancias (3-2, min 3). O Atl. Novás, defendendo con intensidade, pechaba case á perfección os espazos e dificultaba moi ben as circulacións de balón dos visitantes. Por contra o Calvo Xiria non daba axustado a súa defensa 5:1 que arrastrada por Herbello ata a esquerda desguarnecía por veces a outra banda. Coas cousas así os pontevedreses, anotando con facilidade, conseguen chegar ao minuto dez cunha renda de catro goles (6-2). Como non podía ser doutro xeito, é novamente o propio David cun poderoso salto o que consegue recortar a diferenza (6-3). Nesta xogada, que se produce no minuto dez con trinta segundos, o pivote local e descualificado por empurralo por detrás tras o lanzamento. Prodúcese deseguido unha reacción do Xiria que se coloca a un gol (7-6, min 14) e incluso Pablo chega a empatar o partido pero o gol é anulado. Todo foi coma un espellismo, pois o Atl. Novás grazas a súa rochosa defensa e a excelente actuación de Esteban na portería, axiña retomou o mando e pouco a pouco foise escapando no electrónico. No minuto vinte e un gañaba por 12-7 para chegar ao descanso cunha xa apreciable vantaxe de sete goles (18-11).

Tras o descanso o Calvo Xiria cambiou a unha defensa máis presionante, pero aínda que nun principio puido reducir un chisco a vantaxe (19-13, min 33) e conseguir posesión de balón, os resultados non foron os apetecidos. A verticalidade dos locais, con xogadas ben trenzadas desde as mans de Pablo Herbello ou Óscar Pombal, permitíronlle un definitivo despegue. O Atl. Novás acadou a máxima diferenza do choque (25-14) no minuto trinta e oito, curiosamente despois de que Víctor Armán «maltransformase» un lanzamento de sete metros no que o árbitro asubiou tras saír o balón da man. O Calvo Xiria, sen apenas recambios, regresou á defensa 5:1 con Jesús no avanzado e, a pesar do oficio dos homes do Novás que nunca baixaron a intensidade nin co partido decidido, por fin logrou desempoar o seu mellor balonmán. Esporeados por un formidable David -que con 8 goles converteuse no máximo artilleiro do partido- conseguiu, con moito traballo, ir reducindo diferenzas. No minuto cincuenta, o luminoso torcepescozos amosaba un 30-23 favorable para os locais e non moito despois a renda quedaba reducida a cinco (30-25, min 53). No derradeiro tramo os do Rosal deron entrada a algúns dos xogadores menos habituais deixando constancia de que non é necesario o reiterado uso da «mopa» para recuperar folgos. O Atl. Novás aumentou unha vez máis a súa renda (35-26, min 28) aínda que finalmente os carballeses con tres goles consecutivos de Pablo, Jesús e Dubra maquillaron un resultado que quedou definitivamente establecido nese consabido 35-29.

Para a vindeira semana no pavillón da zona escolar preséntase outro difícil compromiso. No partido que pecha a primeira volta o Calvo Xiria vaise enfrontar co Medicentro Gijón, sólido líder da competición.