CALVO XIRIA 35 – PEGUFORM S.A.R. 28
1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 6 23/10/2010 CALVO XIRIA 35 – PEGUFORM S.A.R. 28 Calvo Xiria 35 (17+18): Iago [p, 8 pdas /1 de 7m], Ramón (2), Jesús (3), Christophe…
1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 6
23/10/2010 CALVO XIRIA 35 – PEGUFORM S.A.R. 28
Calvo Xiria 35 (17+18): Iago [p, 8 pdas /1 de 7m], Ramón (2), Jesús (3), Christophe (3), Cuco, Borja (2), Dubra (5) –equipo inicial- Kike [11 pdas /2 de 7m], Álex García, Álex Zas (4), Fer (1), Pablo (5 /2 de 7m), Manu (6 /1 de 7m) e Suso (4).
Peguform S.A.R. 28 (10+18): Colinas [p, 4 pdas], Manu Rey (4), Vladkov (7), Hugo López (4), Chema (5), Tito (1), Carlos (2) –equipo inicial- Pereira [p, 5 pdas], Polaco (3), Damián, Brais, Juan (1), Gabriel (1) e Hugo Crespo
Colexiados: Gheorghe Axanciuc e David Soriano Gil (ambos pertencentes á Federación Territorial de Madrid). Excluíron por dous minutos aos locais Ramón (min 13), Christophe (min 4), Cuco (min 55), Borja (min 43, 47 e 56 –descualificado-), Pablo (min 48), Álex García (min 24), Fer (min 51) e Álex Zas (min 57). Tamén sufriron sanción de exclusión os visitantes Tito (min 11 e 46), Polaco (min 48), Manu Rey (min 43), Juan (min 35), Hugo López (min 33), Hugo Crespo (min 5) e Vladkov (min 32 e vermella directa no 56).
Parciais cada cinco minutos: 2-4, 4-5, 6-6, 10-7, 13-8, 17-10 (descanso), 21-13, 24-15, 26-17, 29-22, 32-27, 35-28 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 3 / 3 # # # Peguform S.A.R.: 3 / 6
En partido da sexta xornada de liga en PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL disputado no “Pavillón Municipal Vila de Noia” o Calvo Xiria conseguiu derrotar ao equipo redondelán da Pegufom S.A.R. por un contundente 35-28. Após este novo éxito o equipo carballés pasa a ocupar un coqueto quinto posto na táboa clasificatoria.
Tras o habitual sorteo correspondeulle o saque inicial ao equipo da Peguform S.A.R. ao que lle custou enormemente materializar a súa primeira xogada. Foi un lanzamento salvador de Vladkov o que subiu o primeiro gol ao marcador cando xa os colexiados estaban amosando o seu brazo en sinal de pasivo. Despois dunha boa circulación, Jesús desde o extremo encárgase de establecer a igualada instaurando así unha dinámica que se vai prolongar ata mediados deste primeiro acto. Agás nunha ocasión, no minuto catro e medio, en que os visitantes de colocaron dous arriba (2-4), fóronse alternando os empates coas mínimas vantaxes da S.A.R. Por eses intres o Calvo Xiria defendía con ganas pero o equipo rival finalmente sempre acababa por atopar a situación favorable que lle permitía anotar. Hugo López nos castigos desde os sete metros e Manu Rey nas penetracións convertéronse nos seus principais estiletes. O Calvo Xiria, con algunha que outra imprecisión ofensiva, íase mantendo no partido grazas a habilidade de Pablo no xogo estático e a rapidez de Dubra nas contras. Superado o ecuador desta primeira parte a situación vai tomar un xiro radical. Namentres a Peguform perde completamente o fol os rapaces de Marcos Rodríguez axustan milimetricamente a súa zaga e comezan a bordar o xogo de ataque. No minuto quince Jesús, desamigado co tiro con bote, cambia de recurso e cun espléndido forte-frouxo consegue a primeira vantaxe local (7-6). Chema marca para os seus establecendo a que sería derradeira igualada do partido (7-7). Seguen minutos de pluralidade anotadora nos que o Xiria asina un parcial de 4-0 que lle serve para dar comezo ao seu despegue. Asinaron estes goles Borja, Christophe, Pablo e Suso. Transcorría o minuto vinte e un e o marcador amosaba un 11-7 favorable para os de Carballo. A escuadra verdinegra xa semellaba imparable e tras un gol de Ricardo “Polaco” para a S.A.R (11-8), tres detencións consecutivas de Iago (lanzamento desde os 7 metros incluído) proporcionaron ao seu equipo preciosos balóns que lle valeron para aumentar a renda ata os seis goles. Así, no minuto vinte e seis os locais gañan por 14-8, unha vantaxe que se mantén a falta de medio minuto para o descanso (16-10). Foron momentos nos que Borja, Ramón, Cuco e Álex García fixeron un enorme traballo de contención loitando como verdadeiros xabaríns e nos que o estilista Álex Zas e o bravísimo Manu Méndez se encargaban de perforar unha e outra vez a meta dun desesperado Colinas que, aínda un segundo antes do bucinazo, viu como o lateral Fer establecía o 17-10 co que rematou esta primeira parte.
Nos primeiros intres que seguiron ao merecido descanso as cousas pouco cambiaron, o Calvo Xiria continuou aumentando vantaxes e ampliando a súa gama de xogadas en ataque. Desprazándose con rapidez e movendo con soltura o esférico os xogadores que prepara Marcos Rodríguez buscaban perfectamente a Ramón, que conseguía marcar en dúas ocasións consecutivas actuando como pivote, ou habilitaban a Dubra que anotaba con facilidade. Foi precisamente este veloz extremo o que no minuto trinta e seis subía ao electrónico o 23-13 que supuxo a máxima diferenza do choque. Todo ía sobre rodas e o evento semellaba decidido, pero tras un intercambio de goles en ambas as dúas porterías (24-14) o Xiria xogando en superioridade desperdicia un claro pase de gol para incrementar a renda. Era o minuto trinta e nove e foi a partir de aquí cando o partido toma un novo e inesperado rumbo. Os carballeses empezan a perder a frescura en ataque e atópanse con inusitadas dificultades para finalizar. No minuto corenta e seis os visitantes xa tiñan a renda reducida a oito (27-19), e a pesar de que Suso marca para os locais, en escasa marxe de tempo dous goles máis dos de Redondela colocan o 28-21 no taboleiro de marcas. Para colmo, o Xiria queda con cinco xogadores, aínda que por sorte, arranca unha exclusión con máximo castigo que transforma Manu aló polo minuto corenta e nove (29-21). Despois de recuperarmos un home, xa con cinco xogadores de campo contra cinco parecía que as augas volvían ao seu leito. Pero nada máis lonxe da realidade, os discípulos de Mingos Dacunha esporeados polos lanzamentos exteriores dun acertado Vladkov (que con sete dianas foi o máximo anotador do encontro) baixan a diferenza a seis tras superarse o minuto cincuenta (29-23) e pouco máis tarde, a falta de seis minutos para o remate, tiñan esta desvantaxe reducida a cinco (31-26). Un gol de Suso desprazándose con picardía desde o extremo para ir buscar o balón ao lugar do pivote, unha parada de Kike e a proximidade do final parecían dar a tranquilidade definitiva ao equipo carballés; pero tras unha marcaxe ao home sobre Pablo e un inesperado corte do louro “Polaco” con gol á contra (32-27), os visitantes aínda dispuxeron de dúas opcións para poder apertar aínda máis o marcador electrónico. O meta carballés (moi acertado no ultimo tramo chegando a parar dous lanzamentos de sete metros) desbaratou ambas as dúas oportunidades. Tras un gol de Álex Zas, Tito marca no minuto vinte e sete desde a raía de máximo castigo o que sería último gol dos visitantes (33-28). Os instantes finais, xa coas defensas tremendamente esgotadas, estiveron contaminados con innumerables exclusións que provocaban ataques de “seis contra seis” e incluso de “cinco contra cinco”. O partido agora si xa estaba decidido e só Manu Méndez e un Suso, que se viu moi motivado e totalmente recuperado da súa lesión ocular, foron quen de anotar. Tras estes goles dos dous xogadores carballeses o marcador final quedou definitivamente establecido nese bonito 35-28.
Na seguinte xornada toca viaxar ao barrio vigués de Lavadores para enfrontármonos ao recentemente ascendido “Las Cinco Jotas”; pero iso será dentro de súas semanas, a vindeira hai partido da segunda eliminatoria da Copa Galicia, na que tras eliminar ao OAR Coruña, o Calvo Xiria débese enfrontar ao Bm. Cangas Frigoríficos do Morrazo, un equipo que acaba de baixar da Liga ASOBAL e milita na DIVISIÓN DE HONRA “PRATA”.