CALVO XIRIA 35 – TIRSO MOSTEIRO DE POIO 28

27/10/2007 CALVO XIRIA 35 – TIRSO MOSTEIRO DE POIO 28
Calvo Xiria (18+17) 35: Iago, Cristophe (1), Cuco (2), Roberto (11), Pablo (3), Bruno (1) e Dubra (4) -equipo inicial- Guillín, Sebastián (4), Pombo (3), Alex (1), Chimpo (2), Jesús (1) e Fernando (2).

Tirso Mosteiro de Poio (12+16) 28: Leira, Andrés (10), Javier, Alfonso (4), Rubén (5), Guillermo (1) e Pablo (1) -equipo inicial – Alejandro, Loureiro, Ángel, Jesús (1) e Francisco (6).

Árbitros: José Ignacio Pereira e Vicente Pérez. Mal. Complicáronse en exceso coas exclusións nun partido moi cómodo.

O Calvo Xiria volveu á senda do trunfo ao impoñerse en Carballo ó Tirso Mosteiro de Poio por un concluínte 35-28. O partido só durou trece minutos, o tempo que tardou o equipo de Marcos Rodríguez en poñerse por diante no marcador (6-5), tras un inicio de choque bastante frío. Os carballeses tardaron en entrar no encontro e a situación aproveitouna o Tirso para coller pequenas vantaxes nos primeiros minutos. Máis polas imprecisións e indolencia dos locais que por méritos dos visitantes, o Tirso parecía que podería plantar cara a un Xiria que, cando espertou, non tardou en resolver o encontro pola vía rápida. Cando os visitantes se viron por debaixo no marcador todo foi xa coser e cantar para os de Carballo, que cun parcial de 13-7 deixaron o choque visto para sentencia ao descanso (18-12). A boa predisposición defensiva, ademais do acerto de Iago baixo paos e a aportación de Dubra e Roberto en ataque, sobráronlle ao Calvo Xiria para doblegar, nese primeiro acto, a un Tirso que dependía en exceso de Andrés e Alfonso no ataque. Ademáis, os visitantes desperdiciaban unha e outra vez as superioridades numéricas que tiñan para, pouco a pouco, desvanecerse do partido.

A segunda parte apenas tivo historia. O Calvo Xiria limitouse a aguantar a renda obtida na primeira metade e xogou sempre con vantaxes de 5 a 9 goles que nunca fixeron perigar a victoria final. Si serviu a segunda metade para confirmar que Iago non lle vai por as cousas doadas a Quique baixo paos, que Roberto sigue erixíndose coma o bastión anotador do equipo e que Sebastián pode aportar moito más ao xogo de conxunto. A nota negativa, quizais, foi a actuación dos colexiados no último tramo do choque, que cun rosario de exclusións desluciron o que tiña que ser un plácido punto e final a un choque sen moita historia. A victoria ten que serville ó Calvo Xiria para recuperar a moral perdida e pensar que, con intensidade durante os sesenta minutos, pode gañarlle a calquera equipo da liga. O seguinte partido, no Grove fronte ó Rasoeiro, será decisivo no ánimo de recurtar distancias cos equipos da zona alta da clasificación. O feito de xogar fóra da casa non ten que supoñer unha dificultade engadida, sempre que os carballeses actúen coa intensidade que o fan ante a súa afección.