Calvo Xiria e Embutidos Lalinense asinan táboas nun fantástico encontro.
As altas expectativas creadas ao longo da semana para este enfrontamento entre o Calvo Xiria e o Embutidos Lalinense BM. Lalín, fixéronse realidade na tarde deste Sábado 25 de Novembro.…

As altas expectativas creadas ao longo da semana para este enfrontamento entre o Calvo Xiria e o Embutidos Lalinense BM. Lalín, fixéronse realidade na tarde deste Sábado 25 de Novembro.
Nun marco único, cun pavillón repleto de seguidores, unha afección bulliciosa e dous grandes equipos formados ao 100% por xogadores canteiráns, o mellor balonmán da categoría cobrou vida desde a esencia dun modelo recoñecible que xermina desde as idades máis temperás en ambos os clubs.
Tomou o mando o Calvo Xiria desde os primeiros instantes, impoñéndose cun rigor táctico exquisito no posicional e levando a efectividade fronte á portería contraria a cotas inimaxinables, propia dos pensamentos máis esixentes. Os verdinegros controlaban a velocidade dos locais, a propósito que o repregamento defensivo pasaba a ser tarefa crucial no día de hoxe e a retagarda mostrábase solvente ante a excelente primeira liña do conxunto @dezano. Milucho, o adestrador local, solicitaba o seu primeiro tempo morto cando se excedía o 10 da primeira parte e é que o 4-8 que reflectía o marcador ameazaba con ser unha greta perigosa para o seu equipo. Na volta ao 40×20, producíuse a reacción do Embutidos Lalinense, explotando a súa velocidade e tendo agora como xefe de maquinas a Román no centro do ataque.
As diferenzas no electrónico empezábanse a reducir e agora era o técnico visitante o que debía de solicitar o seu primeiro tempo morto ante a proximidade do seu rival (11-12 minuto 20). Abríase entón outro momento de lucidez para os carballeses, que apostados agora nunha defensa 6:0 chegaban ao descanso cunha importante vantaxe de catro goles (17-21).
O Embutidos Lalinense BM. lalín debería reaccionar na continuación, xa que, en caso contrario, podería ver como se lle escapaban os dous puntos en xogo de forma definitiva. Así foi como os roxinegros saíron cunha presenza defensiva moito máis consistente, “agresiva” e profunda, poñendo en xaque as ideas atacantes dos bergantiñáns. Estes, que perderan a Juanca por un forte golpe nas postrimerías do primeiro acto, vían minguada a súa primeira liña, cuestión que acentuaba máis o momento delicado polo que estaban a pasar. As diferenzas reducíronse á metade, pero os bergantiñáns defendían esa distancia coa idea de xogo que ensaiaran durante toda a semana. Despois de 55´por diante no marcador, o Calvo Xiria vía como o seu rival empataba o encontro a 31. Eran os momentos máis críticos, xa que se antes era Juanca o que sufría problemas físicos, agora Chimpo, o goleador do equipo, víase obrigado a abandonar o campo por unha molestia no seu abdutor.
A presión alta da defensa @dezano fornecía o seu efecto e os bergantiñáns perdían o rigor no posicional para cometer dous erros que parecían definitivos no devir do encontro. Faltaban dous minutos, o BM. Lalín gañaba por tres goles de diferenza e todo parecía visto para sentenza, pero un sete metros con exclusión incluída no area local foi definitiva para o que ía acontecer a continuación: O Xiria poñíase a dous goles e a presión en superioridade numérica conseguía forzar dous erros no pase no últimos trinta segundos que terminarían por igualar a contenda sobre a bucina final.
O Calvo Xiria conseguía un punto nun partido que se puido ver gañado, pero tamén perdido ao final, un punto nun encontro vibrante que pode valer o seu peso en ouro e que posibilita que o conxunto de Carballo siga posicionado nesa segunda praza que dá opcións a xogar a fase de ascenso.
Embutidos Lalinense BM.Lalín: 34 (17+17). Ramón Gil (4), Gustavo Lázara (1), Adrián Crespo (4), Uxío Batán, Aron Díaz (4), Martín Igrexas, Bruno Fernández (2), Duarte Batán (4), Miguel Porto (10), Román Pedreira (1), Alexandre Dacosta (3), Antonio Blanco, Carlos Durán, Iago González, José Pedreira (1), Adrián Losón.
Calvo Xiria: 34 (21+13). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (4), Gabriel Castiñeiras, Julián López (1), Brais Puñal (2), Fran Rey, Pablo Iglesias (8), Hugo Rodríguez (10), Juan Carlos Rodríguez, Manuel Méndez (1), Jorge Bouzas (8), Sergio Facal, Alejandro Calvete (1), Miguel Suárez-Pumariega (1).
Parciais cada 5´: 2-3/4-7/7-10/12-13/14-16/17-21/Descanso/20-22/22-24/26-28/28-30/31-31/34-34/Final.
Colexiados: Oriol Álvarez e Raul Escoda. En liñas xerais estiveron ben, inda que cometeron algún erro importante nos derradeiros instantes.
Incidencias: 11ª xornada da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón Lalín Arena ante cincocentos seareiros, moitos deles, desprazados dende Carballo.
Vídeo: Se desexas ver o partido podes facelo na seguinte ligazón, páxina do Facebook do Bm. Lalín
https://www.facebook.com/balonman.lalin/videos/850857058418627/
Palabras descoñecidas
- Copiar


