O Laber Xiria impúxose na segunda xornada do campionato de España xuvenil que se está celebrando en Carballo ás Sementes KWS Balopal (Subcampión de Castela-León) por 29-25. Grazas a este resultado e á vitoria do Grupo Covadonga (campión de Asturias) contra o Indupime Basauri (Terceiro de Euskadi), os carballeses terán opcións a última xornada para clasificarse como primeiros.
Os locais recuperaron no día de hoxe algunhas das súas esencias no xogo, aínda que seguen sen mostrar a súa mellor versión, atenazados pola tensión competitiva desta cita. Con todo e a pesar de entrar máis tarde no encontro que o seu rival, tal e como sucedeu no día de onte, os de Xiria volveron sacar partido ás rápidas transicións defensa-ataque e a segunda onda proporcionoulles multiples satisfaccións en forma de goles (7-4 minuto 15). No posicional, tamén se producíu certa mellora con respecto á xornada anterior e a mobilidade dos xogadores, así como a circulación do balón, ofrecía maior dinamismo ao ataque. A pesar dalgunha perdida de balón e un 1-3 de parcial encaixado entre o minuto 15 e o 20, os bergantiñáns chegaban ao tempo de descanso cun 15-13 ao seu favor e todo por decidir no segundo acto.
Na continuación, os verdinegros saíron coa intención de que o envite non se lles escapase das mans e ampliaban a diferenza a catro no minuto 40 (20-16). Pintaban ben as cousas para os de Xiria, pero había que seguir concentrados para rematar a faena. Os palentinos non cedían e insistían en accións de 1×1 e no lanzamento exterior por parte do seu lateral esquerdo. Non estaban dispostos os de Carballo a que a vitoria se lles escapase e controlaron ben os últimos instantes para sumar os dous primeiros puntos deste campionato por un resultado de 29-25.
Mañá, o Laber Xiria afrontará un difícil pero ilusionante reto, xa que terá que ofrecer o seu mellor nivel si quere imporse ao que se está mostrando como o mellor equipo do sector, o Grupo Covadonga. As posibilidades dos carballeses para quedar primeiros, pasan simplemente por gañar o partido, a condición de que o Indupime Basauri pérda contra o Balopal. En caso de que non sexa así, os de Xiria deberán gañar por unha diferenza de oito tantos.
Laber Xiria: 29 (15+14). Antonio Mato, Iván Campos (6), Enrique Pena (2), José Pereira (1), Iván Calvo (8), Lolo (5), Gabriel Castiñeiras (3)-Equipo Inicial-Damián Rodríguez (1), Borja Rodríguez (1), Alex Figueroa, Borja González, Diego Gago, Dani Buño, Dani García (1), Tito (1), Diego Morandeira.
Semillas KWS Balopal: 25 (13+12). Iker, Jorge (3), Guillermo (1), Javier (8), Raul (2), Víctor (7), Ricardo (1)-Equipo Inicial-Rubén (1), Santiago (1), Manuel (1), Martín, Mario, Pampliega, Jesúis, Álvaro.
Parciais cada 5´: 1-2/5-4/7-4/8-7/12-9/15-13/Descanso/17-14/20-16/22-19/25-21/26-23/29-25.
Árbitros: Fernando López e David Aja. Excluiron con dous minutos a Damián Rodríguez (2), Gabriel Castiñeiras, Borja Rodríguez, Enrique Pena e José Pereira (2) polos locais e a Santiago, Guillermo e Raul polos visitantes.
Incidencias: Partido correspondente a segunda xornada do sector do campionato de España (Grupo A) celebrado no pavillón Vila De Noia de Carballo ante 500 seareiros, entre os que se encontraban un numeroso grupo de seguidores desprazados dende Palencia.
Fotos do encontro: