Carballo acolle o terceiro encontro organizado polas Escolas Balonmán Xiria

Carballo acolle o terceiro encontro organizado polas Escolas Balonmán Xiria

Carballo acolle o terceiro encontro do proxecto europeo “Práctica deportiva e inclusión social” entre o 26 e o 29 de Agosto. Este encontro, organizado polas Escolas Balonmán Xiria, será o terceiro dos cinco nos que se divide este proxecto.

Trátase de poñer en común as boas prácticas deportivas que funcionan de xeito particular en cada país, e que están relacionadas coa procura do xogo limpo, da igualdade de oportunidades e de xénero e da interacción entre diferentes xeracións, insistindo sempre na importancia da participación e en evitar o risco para a saúde.

Os obxectivos céntranse en mellorar os servizos das entidades participantes, potenciando a comunicación coas entidades locais, distribuír os principios do Libro Branco sobre o Deporte nos contextos das entidades a partir dos aspectos sociais da práctica deportiva e os conceptos de democracia e cidadanía, proporcionar novas oportunidades para as persoas con menos posibilidades e involucrar ao maior número de profesionais arredor desta temática.

O encontro de Carballo leva como título: “O deporte como elemento educativo e dinamizador socio-cultural” e nel preténdense dar unha visión do deporte desde diferentes puntos de vista profundizando no funcionamento das entidades deportivas. Desde o domingo 26 pola mañá os participantes deste encontro comezaron xa co intercambio de experiencias.
Ademais do organizador Escolas Balonmán Xiria e das demais entidades participantes no proxecto (France Amérique Latine de Paris, Centro Rexional Xuvenil de Kosice, Filoxenia de Corinto e A. C. Enzimistudio de Turín), tomarán parte diferentes asociacións da zona como ASPABER, a Asociación Xuvenil Proxectando, Vieiro, contando coa colaboración do departamento de deportes da Universidade da Coruña e do Concello de Carballo.

As actividades que realizarán incluirán diferentes workshop (obradoiros) con temática variada como a inclusión de grupos en risco de exclusión social a través do deporte, a reciclaxe formativa dos monitores, a comunicación das entidades e as vías de financiamento. Visitarán tamén as Escolas de Verán que organiza Escolas Balonmán Xiria e coñecerán o patrimonio e a cultura locais.

O Luns 27, celebrarase unha recepción oficial por parte do Goberno local, onde os representantes locais lles darán a benvida a todos os participantes chegados de Eslovaquia, Grecia, Italia e Francia, así como aos responsables locais do proxecto. Durante toda a estancia estarán acompañados por representantes do Xiria, profesionais do deporte e da Educación Social. As próximas estancias serán en París no mes de Novembro e en Turín no mes de Febreiro.

Para coñecer o programa que se vai desenvolver en Carballo premer aquí.