Carballo Handball Festival

1427370260252

A Semana Santa carballesa leva a impronta do deporte grazas ao Carballo Handball Festival ’15. Entre o xoves 2 e o sábado 4 de abril a vila transformarase grazas a este torneo de balonmán para categorías benxamín, alevín, infantil e cadete que reunirá a arredor de 800 rapaces repartidos en 15 clubs chegados de Galicia e de Portugal. A cita, organizada polas Escolas de Balonmán Xiria xunto co Concello e a Federación Galega de Balonmán, conta coa participación de clubs de referencia, segundo explica o técnico das Escolas, Fernando Vázquez, como poden ser o Luceros de Cangas, ou a SD Teucro e o BM Cisne de Pontevedra. De Portugal, clubs que, segundo Vázquez, adoitan ser «moi competitivos», tamén veñen nomes importantes como o ABC de Braga, o Ada Maia Ismai ou o São Paulo de Oleiros. Para o adestrador, a cita supón unha oportunidade para «darlle repercusión ás categorías de base», por un lado; e por outro para «promover o Concello de Carballo», xa que arredor dun milleiro de persoas en total, contando aos familiares e responsables dos equipos, ademais dos xogadores, visitarán a vila. Os encontros disputaranse en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas nos pavillóns Vila de Noia e Carballo Calero, e no do CEIP Fogar. Os benxamíns e alevíns irán todos os días pola mañá e pola tarde, mentres que os infantís e cadetes descansarán o xoves e o sábado pola mañá, neste último caso para facer unha saída para coñecer algúns dos lugares máis emblemáticos do municipio, nomeadamente aqueles con interese paisaxístico.

O Carballo Handball Festival complétase coa celebración o luns 30 e o martes 31 de marzo dun Clínic teórico práctico de balonmán para o ensino nas categorías de base organizado pola Federación Galega coa colaboración do Concello, das Escolas de Balonmán Xiria, da UB Lavadores de Vigo e da fundación Deporte Galego. Segundo explica o delegado da Federación, Bruno López, trátase dunha xornada que está pensada para ser aproveitada «non só pola xente do balonmán, senón tamén para tirar conclusións dos modelos de aprendizaxe dos máis pequenos». A parte teórica terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas no Fórum Carballo; mentres que as sesións prácticas celebraranse no pavillón do CEIP Fogar polas tardes, a partir das 16.00 horas. O mércores 1 de abril as sesións trasladaranse a Vigo. O responsable da actividade é Enrique Díez Maestro, experto en «O método Pinaud», «a filosofía dun doutor francés que elaborou a ‘biblia’ do balonmán de base», en verbas de Bruno López, afondando nos procesos de aprendizaxe especialmente nas categorías benxamín e alevín.

Hai que subliñar que a inscrición é gratuíta e que pode realizarse a través do enderezo electrónico <formacion@fgbalonman.com> e que hai dispoñibles un máximo de 80 prazas. Cada día de asistencia ao clínic suporá unha liberación de 4 horas presenciais da asignatura «Didáctica de Iniciación ao balonmán» nos cursos de adestrador de nivel I e nivel II que se convocarán en Galicia nos vindeiros meses. Os asistentes contarán cun certificado acreditativo da Federación. O prazo de inscrición remata o 28 de marzo ás 14.00 horas.

Arredor dun milleiro de persoas na vila en Semana Santa

O Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, quixo subliñar a importancia de que Carballo acolla este tipo de citas porque «un dos produtos máis importantes que tentamos vender en Carballo é a actividade cultural e deportiva», xa que son citas que «conseguen que moita xente se desprace a Carballo». Quixo subliñar tamén a importancia de que as entidades deportivas leven na súa camisola «a marca de Carballo», o que supón un «valor engadido» e facilita que o nome da vila «chegue a moitos lugares de Galicia». No aspecto turístico, subliñou a visita que realizarán os infantís e cadetes do Handball Festival para «amosarlles os nosos valores paisaxísticos» e, por último, desexou que «ao remate do festival, teña tanto éxito que xa esteamos falando dunha segunda edición». O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, tamén amosou a súa satisfacción por que Carballo acolla estas dúas citas que traerán á vila a arredor dun milleiro de persoas durante a Semana Santa, persoas que se aloxarán ou comerán e cearán nos locais hostaleiros carballeses. Por último, José Antonio Rodríguez, Vicepresidente das Escolas de Balonmán Xiria, quixo deixar un espazo especial para agradecerlle a todos os colaboradores do festival, e nomeadamente ao Concello, a súa colaboración, «porque sen eles esta cita sería imposible».

Fonte: páxina web Concello Carballo.