Chégase ao parón de semana santa, no que non haberá competición oficial pero no que haberá actividade, e moita, para Escolas Balonmán Xiria. Comezará este domingo cunha nova xornada de Fun Sport Xiria, actividade na que están a participar máis de sesenta rapazas e rapaces de entre 7 e 10 anos. Luns e martes será turno para a formación de adestradores co Clínic que imparte Enrique Díez. E para rematar as vacacións do 02 a 04 de Abril chega o turno do Carballo Handball Festival.
Centrándonos nos campionatos oficiais, xoga o Calvo Xiria na pista do líder da competición, Cisne Bm, invicto esta tempada na súa pista do CGTD de Pontevedra. Dende as 17:30 do sábado vivirase un partido que xa é todo un clásico do balonmán galego e no que tanto uns coma outros tentarán levarse os puntos en xogo. Na primeira volta os pontevedreses foron os que se quedaron cos puntos no Vila de Noia. Dende logo que precisa facer un gran partido o Calvo Xiria para acadar o seu obxectivo neste encontro, amosando moita anticipación en defensa, con axudas constantes ante a capacidade de lanzamento e desborde dos pontevedreses. Tampouco poderá facer concesións no eido ofensivo, sendo necesario que a puntería dos xogadores do Xiria sexa das mellores da tempada. Mario García e Alejandro Naya son dúbida na convocatoria polas molestias que arrastraron durante esta semana.
Derradeira xornada na liga de 1ª Autonómica Feminina para o Goldie Xiria, que se despraza a Cangas para disputar un difícil compromiso ante o equipo que marcha primeiro na táboa clasificatoria. Tentará pechar cunha vitoria unha tempada, no campionato de liga, na que as rapazas do Goldie teñen amosado unha gran progresión tanto nos aspectos individuais coma nos colectivos. O partido será o domingo ás 12:30 h no Pavillón do IES Rodeira.
Inician este domingo os equipos da división de honra a Copa Federación. Garaysa Xiria desprázase a Tui para iniciar unha competición na que o obxectivo é que todos os xogadores aumenten o seu bagaxe competitivo de cara a novas tempadas. Pola súa parte Grupo Lemaco e Laber Xiria xogan en Porriño. Os cadetes sairán coa intención de revalidar o titulo de Copa Federación que conseguiran o ano pasado e os xuvenís coa idea de retorna á senda regular que lles fixo subcampións galegos e facer un bo papel nesta competición, mais tendo coma principal obxectivo a preparación para o Campionato de España.
Na categoría territorial alevín balonmán 7, Ifecgas Pereira Xiria e LK Xiria teñen unha nova xornada na que participarán conxuntamente cas rapazas do Punta del Este Xiria.